San Mateo estudará as medidas reivindicativas para a permanencia da escola

Todos os grupos da corporación respaldaron hoxe ás nais e pais da escola de San Mateo na reunión mantida en San Caetano coa subdiretora de Centros e o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Os representantes de todos os grupos reiteraron o seu apoio á continuidade do ensino público na escola unitaria de San Mateo e ratificaron a súa conformidade coa demanda das nais e pais afectados que esixen a continuidade da escola ao obter o número mínimo de matrículas esixido pola Xunta de Galicia.

Segundo relatan os pais, o secretario xeral técnico e a subdirectora de centros reiteran a súa decisión de pechar a escola baseándose en baremos e criterios técnicos alegando que se produxo un mal entendemento entre a administración e os afectados á hora de interpretar que fóra do prazo da matrícula aínda se podía loitar polo incremento de alumnado matriculado.

“En todas as reunións mantidas se nos traslodou que se o primeiro día de curso  tiñamos o número de matrículas mínimo a escola continuaba, incluso cando se lles preguntou se habería profesor asignado, confirmaron que con profesor asignado. En ningún momento houbo lugar a malas interpretacións”, aclaran as nais e pais.

A intención das nais e pais que hoxe se trasladaron a Santiago de Compostela é manter a reunión pendente coa comunidade educativa mañá venres e propor ás ANPAS e á FANPO distintas medidas reivindicativas .

Para a concelleira de Ensino, Cristina Fernández, a actitude da Xunta de Galicia non ten calificativo ao citar en sucesivas reunións aos afectados para agora pecharlle as portas e excusarse en baremos e en malentendidos que non existiron.

Fernández explica que as cifras expostas pola Consellería hoxe non teñen nada que ver coa calidade de ensino no rural nin co fomento da vida nas parroquias. “Non se poden esixir os mesmos requisitos a unha escola do rural que a un CEIP dos centros urbanos. As realidades non son comporables e o ensino no rural é a ferramenta que máis pode incentivar o mantemento da poboación no rural, dende logo nunca con recortes”.

Por outro lado, segundo as nais e pais, a Consellería aludíu á perda xeral de alumnado en todos os centros públicos, feito ao que as nais e pais responderon que “co aumento de apertura das aulas en centros concertados desvían as matrículas dos centros públicos”.

Os pais que asistiron hoxe á reunión de Santiago convidan á veciñanza do rural a reflexionar sobre si as campañas publicitarias postas en marcha pola Xunta de Galicia para revitalizar o rural son unha intención real ou unha propaganda polítca “xa que retirando o servizo de educación desta escola que xa funciona e que ten matrículas suficientes, retiran un dos servizos mínimos e básicos para a poboación”.

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, afirma que estará ao lado da veciñanza de San Mateo e que loitará pola permanencia das escolas unitarias incluso facéndoas máis competitivas.

Alcalde, pais e todos os portavoces da Corporación asistentes á reunión de hoxe en Santiago comprometéronse a realizar conxuntamente todas as xestións e iniciativas que impidan o peche de San Mateo como a Xunta pretende.