San Mateo concentrarase diante da sede da Xunta en Santiago

As nais, pais e alumnado da escola unitaria de San Mateo contaron tamén co apoio da FANPO (Federación de ANPAS de centros públicos de Ponteareas e comarca), ANPA Xuntanza, dos directivos de colectivos veciñais e culturais, da Comunidade de Montes, da Fundación Zúñiga de San Mateo e de membros de todos os grupos políticos, agás o Partido Popular que non asistíu, nunha reunión convocada pola concelleira de Ensino Cristina Fernández, en defensa do ensino no rural e para impedir o peche deste servizo básico.

Nunha reunión, á que acudiron decenas de nais e pais acordouse que o vindeiro luns día 27 de agosto trasladaránse en varios autobuses para concentrarse diante da Consellería de Educación en Santiago de Compostela e reunirse co responsable desta decisión para trasladarlle a importancia de non desubicar aos pequenos do seu entorno e de impartir máis cursos nas escolas do rural.

A concelleira trasladará á Xunta de Galicia a necesidade de adoptar medidas especiais que garantan o ensino no rural e que contemplen as peculiaridades das parroquias ofrecéndolles ás unitarias servizos que as fagan competitivas fronte aos centros escolares dos centros urbanos.

“A escola unitaria de San Mateo está en mellor forma que nunca e garante un ensino de calidade para os nosos fillos e fillas. Trasladámoslle á Xunta o compromiso de moitas familias que nos vindeiros anos queren escolarizar nesta escola aos seus pequenos e pequenas e solicitámoslle a posibilidade de que se imparta 1º e 2º de Primaria para que esta escola siga aberta e ofreza a posibilidade ás familias de ter aos seus fillos no seu entorno”, explica Maximino Martínez, representante das Nais e Pais da escola. 

Á reunión tamén asistiron para amosar o seu apoio e aportar solucións, o Alcalde  nacionalista Xosé Represas, a portavoz socialista e Tenente de Alcalde, Chus Garrote, o voceiro de Riada Manolo Troncoso, o voceiro de ACIP Juan Carlos Carrera e o responsable de EU, Lino Costas.

A concelleira de ensino, Cristina Fernández, explica que “hoxe son estas familias pero mañá poden ser outras. As parroquias non manteñen unha matrícula estable e hai anos que pode baixar pero son moitos anos os que sube, e ese non debe ser o criterio para que pechen porque é un servizo básico que garante un ensino de calidade e que debemos reforzar e apoiar para que as familias que traballan non teñan que recurrir a centros educativos nos centros urbanos que dean maior cobertura horaria”.

Cristina Fernández empraza á Educación a voltar ao diálogo, ao entendemento e colaboración entre administracións, “é obriga dos que ocupamos cargos públicos  traballar en beneficio dos veciños e veciñas e colaborar entre as institucións”.

Pola súa banda os dous membros que representaban á Fundación Zúñiga de San Mateo adiantaron que apoiarán e becarán ao alumnado matriculado nesta escola. 

A Concelleira anima ás familias de Ponteareas con fillas ou fillos de 3, 4 ou 5 anos a que poidan visitar as instalacións da Escola e a solicitar información sobre o sistema educativo por que ata o comenzo do curso hai tempo de parar o peche. Dende a Concellería de Ensino se indica que ofrecerán servizos de conciliación na escola de San Mateo.