Rematadas as obras de pavimentación de 2.336 metros cadrados en dous tramos, un con evidentes deficiencias na rodadura e outro aínda en terras
O Concello de Ponteareas vén de rematar as obras de pavimentación en San Amaro, na parroquia de San Mateo de Oliveira, uns traballos coas que “se buscaba mellorar o servizo ofrecido por esta infraestrutura aos seus usuarios e usuarias”. A Concellaría de Vías, Obras e Alumeado que dirixe Chus Garrote levou a cabo o asfaltado de dous tramos de estrada neste barrio cun total de 518 m de longo e de 2.336 metros cadrados. Estas obras supuxeron un investimento total de arredor de 34.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2018-2019 da Deputación de Pontevedra.
Os traballos realizáronse en dous tramos diferenciados que presentaban distintas necesidades. Por un lado, na estrada que vai dende a intersección da estrada provincial ata a capela de San Amaro de Abaixo observábase unha capa de rodadura en deficiente estado de conservación, aínda que sen deterioro no firme situado debaixo, polo que se procedeu á limpeza das marxes e apertura de cunetas antes de facer unha pavimentación completa, mantendo o ancho de 4,5 metros da estrada.
O segundo tramo de obras recolleu dende a capela de San Amaro de Abaixo ata a seguinte intersección, unha zona que contaba cunha capa de material de fresado nun intento de mellora provisional da transitabilidade, e dende esa intersección ata o lugar de Alcázar, que se topaba en terras sen ningún tipo de acondicionamento. En total 424 metros cun ancho que oscila entre os 4,5 e os 4 metros. Nesta zona realizáronse as actuacións necesarias para levar a cabo a nova pavimentación completa de todo o trazado.
Como salienta a concelleira Chus Garrote, con esas obras “o Concello quere mellorar a súa rede viaria municipal, reparando estradas e pistas asfaltadas e pavimentando completamente as pistas que se atopan aínda en terra, ensanchándoas no caso de que sexa necesario para ofrecer á veciñanza o mellor servizo posible”.