A Sala de Usos Múltiples do Auditorio quedou pequena para acoller a conferencia de Ángel Carracedo

O catedrático de Medicina Legal da USC encheu a sala cunha exposición que levaba por título “Bases xenéticas das enfermidades”

 

Q55A1487Ángel Carracedo Álvarez, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela e Director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica dende 1999, pechou ciclo de conferencias organizado con motivo da celebración da Primeira Edición da Semana das Ciencias na Sala de Usos Múltiples do Auditorio Reveriano Soutullo.

 

Unha sala que quedou pequena para acoller ás máis de 250 persoas asistentes á disertación deste recoñecido científico sobre “as bases xenéticas das enfermidades”, sendo preciso utilizar multitude de cadeiras pregables para complementar ás instaladas na propia sala e facéndose necesario habilitar espazo nas escadas situadas a ámbolos dous lados do escenario.

 

Antes de Carracedo, o público e o alumnado ponteareán puideron gozar, durante toda esta semana, de diferentes conferencias impartidas por profesionais científicos do nivel de Josefa Salgado Carballo (Profesora Titular do Departamento de Física Aplicada da USC); José Benito Vázquez Dorrío (Profesor e antigo Director da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Minas da Universidade de Vigo); Iván Area Carracedo (Profesor Titular no Departamento de Física Aplicada II da Universidade de Vigo); e Mónica Carrera Mouriño e Laura Cal Delgado (ámbalas dúas investigadoras no CSIC).

 

Esta primeira edición da Semana das Ciencias terá como última cita obrigada o Punto Científico – Ciencia na Rúa, promovido pola Asociación DivulgAcción, que instalará a partir das 12:00 horas do sábado, 23 de abril, un punto nos Xardíns da Xiralda, diante da Casa do Concello, no que será posible informarse máis acerca de cuestións como a enerxía nuclear, a nanotecnoloxía ou a relatividade visual, entre outras.

 

A concelleira de Enisno, Cristina Fernández, definiu “esta primeira experiencia como un verdadeiro éxito, capaz de atraer a atención de alumnos e alumnas de Bacharelato de diferentes centros da vila e tamén de moitas persoas que decidiron acudir a título persoal ás conferencias impartidas. É, sen dúbida, a primeira de varias edicións da Semana das Ciencias do Concello de Ponteareas”.