Sabela chega co seu paxaro máxico a Ponteareas ao abeiro dunha novas sesión do Programa Apego

Será o venres 24 de marzo ás 18.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal. É necesaria inscrición previa

Sabela chega co seu paxaro máxico a Ponteareas ao abeiro dunha novas sesión do Programa ApegoO Programa Apego regresa este mes de marzo a Ponteareas cunha nova historia coa que ofrecer a nenos e nenas da vila unha divertida tarde de lecer e descubrimentos en lingua galega. O vindeiro venres 24 de marzo a sala multiúsos do auditorio municipal acollerá ás 18.00 horas a representación de ‘Sabela e o paxaro máxico’, de Tarabelos Teatro, un espectáculo recomendado especialmente para cativos e cativas de 3 a seis anos.

Nesta actividade rapazada e persoas acompañantes poderán gozar dun espectáculo de monicreques baseado nun conto popular galego que conta unha historia protagonizada por unha pequena nena que vive nun castelo e que ten que aturar os caprichos da súa xefa, un paraxiño fantástico que sempre está disposta a axudala, un mago malvado, un ogro cheirento, un príncipe desaparecido, uns reis preocupados…

O espectáculo será de balde, aínda que para poder asistir é necesaria a inscrición previa. As persoas interesadas en asistir poden reservar a súa praza a través do correo electrónico lingua@ponteareas.gal ou chamando ao teléfono 986 640 000, extensión 1010.

Esta actividade de Tarabelos Teatro está encadrada dentro do programa Apego, “un proxecto colectivo pensado para fomentar e facilitar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización da cativada de entre 0 e 6 anos no noso idioma”, como salienta o concelleiro de Lingua, Fernando Groba. O edil convida a todas as familias con nenos e nenas de entre 3 e 6 anos a asistir a esta entretida actividade.