Rosario Quinteiro gaña o concurso de cartaz do Corpus

As festas do Corpus de Ponteareas levarán neste ano 2019 a pegada da pintora ponteareá Rosario Quinteiro que ven de gañar a última edición do concurso de cartaz do Corpus Christi.

Así o anunciaban hoxe o alcalde de Ponteareas Xosé Represas e a concelleira de cultura Hortensia Baustita no salón de plenos acompañados dos membros do xurado. Un xurado profesional composto por deseñadores gráficos, artistas plásticos, licenciados en Belas Artes valoraron nos deseños presentados a súa orixinalidade, a temática e a técnica, entre outros aspectos.

Belén Giráldez, Bruno Vázquez, Aurora Quinteiro, Pablo González e Óscar Gómez son os profesionais do mundo artístico, cultural e do deseño encargados de puntuar os deseños presentados.

Rosario Quinteiro faise co primeiro premio cun cartaz que volve ás orixes con alusións ás tradicións e ás señas de identidade de Ponteareas pondo en valor algúns dos elementos patrimonias e a arte floral.

O deseño gañador adaptarase agora aos distintos formatos promocionais que divulgarán esta nova edición das festas do Corpus de Ponteareas e das alfombras florais.

Ademais, o alcalde e a concelleira anunciaban hoxe a celebración, o vindeiro día 15 de marzo, do I coloquio internacional “O patrimonio etnográfico. A propósito da celebración do Corpus en Ponteareas: valor cultural e recurso territorial” organizado en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo.

Este primeiro coloquio reunirá en Ponteareas a estudosos, alfombristas, técnicos e universitarios de Galicia e Portugal co obxectivo de estimular e promover o intercambio de ideas, experiencias metodolóxicas no coñecemento do patrimonio etnográfico, estratexias de conservación, xestión e posta en valor do patrimonio así como do turismo espiritual.

Conferencias e mesas de traballo nas que durante todo o día os relatores chegados das universidades portuguesas do Algarve, Tràs-os-Montes e Alto Douro, das universidades de Santiago de Compostela, da Universidade de Vigo, da Universidade Miguel Hernández, da Universidade de Alicante, do Museo do Pobo Galego e do Centro de Estudos e Investigación Turísticas, falarán do turismo como elemento dinamizador do patrimonio etnográfico, do arte efémero das alfombras de Corpus, do vínculo entre o medio ambiente e o patrimonio ou dos centros de interpretación entre outros moitos temas.

Xosé Represas salienta a importancia deste coloquio que forma parte das iniciativas do goberno local para promocionar o Corpus analizando, neste caso, as distintas potencialidades da manifestación da arte efímera ligadas ás tradicións á , ao turismo cultural e espiritual que enlazan con outras como a tramitación das alfombras de flores de Corpus como Ben de interese cultural (BIC).