“ROMPE. XOGA EN IGUALDADE” A EXPOSICIÓN NA QUE AS “BARBIS INTERVIDAS” AMOSAN A CRUEL REALIDADE QUE SOFREN AS MULLERES

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, inauguraron esta mañá no Museo Municipal a exposición “Rompe. Xoga en Igualdade” que poderá visitarse ata o vindeiro 29 de xuño na vila. A mostra, que foi ideada con motivo do 8 de marzo está a percorrer, tralo paso por Vigo e Pontevedra, os concellos que así o soliciten para amosar todas as inxustizas que padecen as mulleres, rachar coa desigualdade e construír un mundo mellor.

Carmela Silva reivindicou a necesidade dun mundo máis xusto, “onde todas e todos poidamos acadar os mesmos dereitos en igualdade de condicións”. Neste eido, Silva puxo en valor que a exposición, na que se amosan bonecas “Barbis” intervidas, “é un berro poético, moi potente, a través da cultura, unha linguaxe universal que transforma o mundo”. De feito, a mostra amosa situacións de desigualdade ás que se enfrontan as mulleres a diario: mulleres maltratadas, mulleres como mercancía, mulleres floreiro, etc.

“Rompe. Xoga en Igualdade” chega a Ponteareas, en palabras da presidenta provincial, “coa vontade de transformar as conciencias mediante a imaxe visual e a poesía”. Por este motivo, a Deputación de Pontevedra pretende abrir a mostra a toda a cidadanía e, en especial, aos centros educativos xa que “a igualdade soamente se acada a través da educación, co cambio de mentalidades, e queremos compartir cos centros educativos este discurso da igualdade”.

O alcalde de Ponteareas, agradeceu á Deputación “as facilidades para que esta exposición poida estar as vindeiras semanas no noso concello”. Represas manifestou tamén o “compromiso do goberno local pola igualdade” a importancia de “Rompe. Xoga en igualdade” “para ir revertendo a educación machista que domina a sociedade”.

Pola súa banda, Irene Silva e Isabel Blanco, as artistas que crearon a mostra, puxeron en valor a necesidade de cambiar a sociedade e “reivindicar o papel que as mulleres queremos xogar no mundo ao través dunha boneca que ofrece un rol repugnante e que non ten nada que ver co que somos en realidade”.

“Rompe. Xoga en Igualdade” consta de 18 paneis e vitrinas con bonecas Barbis “intervidas” que amosan situacións de desigualdade. A boneca protagonista da exposición foi seleccionada por tratarse da máis famosa da historia, coa que a diario xogan milleiros de nenas do mundo pero que, ao tempo, transmite valores sexistas, presentando a unha muller obxecto, que se están a reproducir tanto nos xogos como nas condutas das nenas e nenos. Deste xeito, as artistas creadoras da mostra interviñeron as bonecas para romper e reivindicar a igualdade entre mulleres e homes e concienciar á sociedade para que se poña fin á discriminación e á violencia machista. Trátase dunha mostra cun importante valor simbólico, e por elo, diante de cada peza haberá un martelo co fin de trasladar a idea de romper con esa situación.

“Rompe. Xoga en Igualade” poderá visitarse no Museo Municipal de Ponteareas ata o 29 de xuño e estará aberta ao público de luns a venres, en horario de 9.00 horas a 21.00 e os sábados, de 11.00 horas a 14.00.