Reunión en Vigo para valorar a implantación de alemán na sección da Escola Oficial de Idiomas en Ponteareas

O concelleiro de Educación do Concello de Ponteareas, Andrés Sampedro Fernández, mantivo estes días unha reunión coa directora da Escola Oficial de Idiomas de Vigo para tratar a posible implantación do curso de alemán na sección da Escola Oficial de Idiomas en Ponteareas.

Os estudos oficiais desta lingua é unha demanda da comunidade educativa  e do Consello Escolar Municipal de Ponteareas e suporía a ampliación da oferta formativa que se imparte no IES Val do Tea, na Sección da Escola Oficial de Idiomas, e viría a completar as posiblilidades que o coñecemento do idioma alemán  ofrecen á hora de buscar unha oferta de traballo.

Para poder levar a cabo a implantación do estudo desta lingua, primeiramente é necesario facer un estudo da demanda real por parte da poboación e para o cal hai a disposición de todos os interesados unha solicitude, que poderá recollerse en todos os centros  educativos da Comarca do Condado- A Paradanta, descargala da páxina web do Concello de Ponteareas, sección de Trámites e impresos, e entregala nos centros educativos e nos concellos respectivos.