Reunión do alcalde do Concello de Ponteareas cos representantes das casas culturais do Concello de Ponteareas

casa cultural MoreiraO alcalde do Concello de Ponteareas, Salvador González Solla, xunto coa responsable da Concellería de Economía e Facenda, Belén Villar González, e o edil de Cultura, Andrés Sampedro Fernández, reuníronse _cos representantes das casas culturais do Concello de Ponteareas coa finalidade de informalos persoalmente de todos aqueles aspectos relacionados coas “Bases de subvencións de apoia á cultura, destinadas aos centros e casas culturais do Concello de Ponteareas”.

Salvador González Solla detallou nesta xuntanza mantida coas asociacións todos os aspectos recollidos nas devanditas bases de subvencións, así como aclarou todas as dúbidas e cuestións de interese sobre estas axudas. Así mesmo, o edil delegado de Cultura, Andrés Sampedro, manifestoulles o apoio, colaboración e asesoramento da súa concellería en todo o relacionado con esta liña de axudas.

A través destas axudas, o Concello de Ponteareas invistirá 40.000 euros en subvencións de apoio á Cultura destinadas aos centros e casas culturais do municipio, cuxa finalidade é colaborar cos gastos de funcionamento e mantemento dos mencionados centros ou casas, así como fomentar, impulsar e apoiar as actividades culturais e musicais que estes desenvolven dentro do seu ámbito de actuación.

Poderán solicitar estas axudas as asociacións sen ánimo de lucro e legalmente constituídas dos centros e casas culturais do municipio de Ponteareas. Os beneficiarios destas subvencións contarán cunha partida económica inicial fixa, e igual para todos, por importe de 400 euros para gastos xerais como limpeza, enerxía eléctrica, ou calquera outro gasto, e cunha partida económica variable en función dunha serie de parámetros, como pode ser o número de socios ou o gasto en actividades culturais que desenvolven, entre outros.

Os interesados terán de prazo ata o día 2 de novembro de 2014 para solicitar a subvención a través do modelo normalizado que se lles facilitará no Departamento de Cultura do Concello de Ponteareas, ou na páxina web do concello, xunto coa documentación precisa, e presentaranse no Rexistro Xeral de Entrada do Concello de Ponteareas.

Así mesmo, cómpre destacar que o Concello de Ponteareas, desde hai xa dous anos, ten posto en marcha outras liñas de axudas que abarcan un plan de accións formativas nos centros e casas culturais, así como o Plan Cultural, ambos cunha dotación orzamentaria que supera os 22.000 euros e que, xunto con estas novas subvencións de apoio á Cultura, veñen supoñer un total de 62.000 euros.