Represas urxe á Xunta e Fomento a constitución da Comisión para construír a Circunvalación

 

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, considera que estamos diante dun momento crucial para o futuro de Ponteareas, un momento no que é imprescindible a coordinación das obras das distintas administración nunha mesma dirección e activar a execución de actuacións prioritarias, polas que Ponteareas leva tantos anos agardando, como a Circunvalación que una a autovía A-52 dende o enlace de Moreira co núcleo urbano e a N-120. Nun momento ademáis no que se porán en marcha as distintas liñas de actuación do programa financiado con fondos europeos, “Ponteareas Habitat Saudable”. “O mellor será que rememos todos na mesma dirección” manifestou o alcalde
Neste sentido o alcalde ten demandado da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e do Ministerio de Fomento, a constitución da Comisión de Seguimento para a construción da circunvalación de Ponteareas, tal e como xa se comprometeron Ana Pastor, e a conselleira, Ethel Vázquez, en maio de 2015. O alcalde trasladoulle a urxencia de iniciar os traballos, “neste momento non hai tempo que perder, é preciso pasar dos compromisos que figuran nos orzamentos do Estado aos feitos, para que non pase outro ano sen gastar na circunvalación o diñeiro previsto para 2017”
Este será un dos temas a tratar na reunión prevista para hoxe cos grupos políticos e cos colectivos sociais de Areas, Arnoso e Xinzo para mellora da seguridade viaria na N-120. “Estou seguro que si Fomento e a Xunta ven que estamos unidos na defensa dos intereses e das prioridades de Ponteareas, activarán a constitución da Comisión e poderemos avanzar para lograr este obxectivo polo que levamos agardando dende hai 20 anos”
Represas anunciou que manterá outros encontros con colectivos sociais e asociacións de empresarios, comerciantes e colectivos veciñais para concretar un acordo común de seguimento dos compromisos da Xunta e Fomento para mellorar a seguridade viaria e as comunicacións de Ponteareas
Represas lembrou que no pasado ano 2016, o Ministerio de Fomento e a Xunta anunciaran que destinaban 540.000 euros para a Circunvalación, importe que se perdeu sen que nin Xunta nin Fomento avanzaran nada na redación e tramitación do proxecto. “A xente pídenos responsabilidade aos políticos e que nos deixemos de anuncios propagandísticos cando veñen as eleccións. Agora Fomento e a Xunta teñen unha boa oportunidade de pasar dos papeis aos feitos, e máis cando existe un compromiso plurianual para realizar a Circunvalación” declarou Represas.