Represas solicita a Feijóo que responda á petición dos pais de San Mateo

dav

Hai cinco días que Ponteareas saíu á rúa para reivindicar a permanencia da escola unitaria de San Mateo, as nais e pais desta escola respaldados polo goberno de Ponteareas, por distintos grupos da oposición, por toda a comunidade educativa e polos colectivos sociais manifestaránse percorrendo o centro urbano con pancartas nas que demandaban o dereito ao ensino público no rural e, sobre todo, reclamando que a Xunta cumpra coa súa palabra de manter a escola aberta ao obter as matrículas requeridas pola Consellería.

Previa a esta manifestación, as nais e pais afectados enviaran unha carta ao Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, convidándoo a visitar a escola unitaria de San Mateo e rogándolle que cumprira o compromiso adquirido de non pechar este centro educativo que cumpre todos os requisitos de alumnado e infraestruturas necesarias para un ensino de calidade. 

Pasaron dez días desa carta e aínda non chegou resposta polo que o Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, solicita ao Presidente da Xunta unha resposta inmediata á demanda destes pais e nais. 

Represas enviou hoxe unha carta a Feijóo na que lle pide que responda ás demandas que se lle trasladaron a través do Vicepresidente da Xunta para a continuidade desta escola na etapa educativa de 3 a 5 anos como viña sendo normal. 

Esta aula, integrada no CRA (Colexio Rural Agrupado) de Ponteareas, conta dende principios de setembro co número mínimo de nenas e nenas, para que continúe aberta como estivo nos cursos anteriores pero o certo é que a pesares dos compromisos manifestados de palabra por distintos responsables da Consellería de Educación, a escola de San Mateo non contou con profesor asingado para este curso.

Anteriormente, no prazo regulamentario de matrícula as familias xa non tiveron ocasión de matricular os seus fillos nesta Escola, estando por tanto nunha situación de indefensión polo que o goberno de Ponteareas e as familias afectadas solicitan que se corrixa esta situación e se permita escolarizar aos seus fillos no centro e aula que solicitan, San Mateo de Oliveira.

“Esta comunicación das nais e pais e de toda a Corporación de Ponteareas non foi atendida nin respondida polo que lle solicito a súa atención para recibir unha comunicación oficial sobre esta petición. É unha situación que se pode reconducir cunha resolución que permita a continuidade da escola de San Mateo por existir o alumnado necesario, cuestión que non se puidera comprobar no prazo oficial de matrícula e que agora motivaría esta decisión”.

Reitero tamén a petición de reunión, realizada o pasado mes de marzo, para tratar asuntos vitais para o futuro de Ponteareas e que son competencia do Goberno Galego, coa finalidade de acadar un acordo de colaboración entre as dúas administracións