Represas revela que Ponteareas adebeda 150.000 euros á Confederación Hidrográfica

A meirande parte da débeda xerouse durante a anterior lexislatura e máis de 55.000 euros correspóndense con multas e sancións

O Concello de Ponteareas adebeda á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil máis de 150.000 euros en concepto de sancións e de canon de vertedura. Así o revelou o alcalde, Xosé Represa,s quen nada máis tomar posesión solicitou a este organismo un informe coas débedas contraídas polo consistorio. A Confederación remitiu recentemente ao rexedor unhaa listaxe de débedas que suman 151.300,41 euros, das que 56.480 euros se corresponden con multas e sancións. A maioría das débedas xeráronse durante os últimos catro anos.

O alcalde explicou que estas cifras “son un exemplo máis da herdanza recibida do Partido Popular consistente en débedas, malgasto e ilegalidades” e recordou que o PP “tivo a pouca vergonza, tras tomar posesión o novo goberno, de afirmar publicamente que deixaban o concello coa caixa chea de cartos para o goberno entrante”.

Represas indicou que “a situación é dobremente grave porque ademais do dano e prexuízo económico que supón esta débeda, unha parte importante son sancións e multas que revelan que o concello veu sendo un dos principais agresores medio ambientais de Ponteareas, basicamente sobre o río Tea”. O alcalde indicou que solicitará á Confederación o historial de sancións e multas impostas ao Concello de Ponteareas nos últimos dez anos “para saber o que nos custou aos ponteareáns ter un goberno incapaz de resolver os problemas medio ambientais que soporta o principal río da vila”.

Represas xa solicitou informes aos servizos municipais e á Confederación Hidrográfica para coñecer en detalle as razóns das multas e poder solucionar o antes posible os problemas que as ocasionaron. Segundo sinalou o rexedor, “a recuperación do río Tea, o seu saneamento e a súa posta en valor como espazo de grande valor ambiental e social” será un dos obxectivos prioritarios do seu goberno.