Represas reclama ao conselleiro de Política Social o apoio para a reforma da residencia de maiores

sdr

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, reuníronse onte co Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, na sede do parlamento galego para tratar as necesarias obras de reforma da residencia de maiores, o seu traspaso e a cofinanciación das obras da escola infantil.

Alcalde e concelleira facilitaron a José Manuel Rey o informe técnico que detalla as urxentes obras de mellora na cuberta, na fachada, no pavimento das tres plantas e no vestiario que acadan un orzamento total de máis de douscentos mil euros.

Ao tratarse de obras para un servizo que é competencia da Xunta, o goberno estima que deben asumir o custe das mesmas.

Carrera e Represas solicitaron ao conselleiro a inmediata constitución da comisión mixta para estudar o traspaso da xestión da residencia que xenera para o concello un coste anual superior aos cen mil euros ao ano.

“A residencia efectivamente conta cunha aportación económica da Xunta e coas dos usuarios e usuarias pero a maiores o concello asume un gasto de máis de cen mil euros ao ano”.

O Alcalde lembroulle que este é un compromiso adquirido polo presidente da Xunta de Galicia no ano 2012 que nunca se chegou a concretar nin avanzar nestes seis anos. 

Por outro lado, en canto aos vinte traballadores da residencia Represas convida á comisión mixta a estudar caso por caso xa que este tema non suporía ningún impedimento e asegura que o concello podería incluso recolocar noutro servizo municipal a aquelas traballadoras que non puideran integrarse no persoal da Xunta. 

Escola infantil

Outro dos temas tratados e dos que xa está en coñecemento o departamento  de Familia da Xunta de Galicia é a escola infantil, na que tamén haberá que facer obras de adaptación á normativa de seguridade para o que o goberno de Ponteareas pide á Xunta a cofinanciación tras terlle achegado o informe técnic pertinente. 

Así mesmo, Alcalde e Concelleira adiantáronlle a previsión de que nos vindeiros meses se aprobe o Plan Xeral de Ordenación Municipal no que se contempla a construcción dunha nova escola infantil para a que agardan contar co compromiso e apoio da Xunta de Galicia.

A residencia está xestionada polo Concello dende o ano 1997, o goberno actual mantivo varios encontros ao longo destes anos coa Xunta de Galicia para trasladarlles a necesidade de que asuman as súas competencias e responsabilidades na xestión deste centro. 

“Esta é unha cuestión xa trasladada en 2012 polo anterior goberno local sen que a Xunta de Galicia pasase en ningún momento nestes 6 anos das promesas aos feitos. A residencia Santa Anta, aberta dende o ano 1986, ten que ser asumida pola Xunta de Galicia porque lle corresponden estas competencias”, afirmou a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera.