Ponteareas só recicla o 23% dos materiais recuperables, o que supón un gasto para os contribuíntes de 200.000 euros anuais
O Alcalde e a empresa concesionaria FCC presentan a campaña “Ponteareas Máis Limpa”, que busca o compromiso veciñal para alcanzar a reciclaxe do 40% dos materiais reciclables
No ano 2014 os ponteareáns tiraron aos colectores verdes 2.500 toneladas de papel, cartón, vidro e envases lixeiros que se podían ter reciclado
O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, apelou hoxe á conciencia ambiental dos ponteareáns para “lograr que Ponteareas sexa un exemplo na reciclaxe e na xestión de residuos”. Represas explicou que a súa intención é conseguir nos vindeiros catro anos que a localidade sexa modélica en materia medioambiental.
O primeiro paso nese obxectivo anunciouno o Alcalde hoxe coa presentación da campaña “Ponteareas Máis Limpa”, unha iniciativa que se desenvolve en colaboración coa empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo, FCC S.A.
Na presentación, Represas presentou os datos da recollida de residuos do ano 2014 que revelan que o lixo recollido nos colectores convencionais ou verdes ascendeu a 6.438 toneladas. Dese volume total, 2.500 toneladas, case o 40%, eran papel, cartón, vidro e envases lixeiros, é dicir, materiais reciclables que se podían ter recuperado se os ponteareáns os tiveran depositado nos colectores de reciclaxe.
Represas lembrou que “esas 2.500 toneladas foron incineradas en SOGAMA co impacto ambiental que supón e, ademais, o transporte e tratamento dese lixo supuxo para o Concello un gasto de 200.000 euros”. O Alcalde apelou ao “compromiso dos ponteareáns para incrementar ao máximo a reciclaxe nos vindeiros anos. Cada vez que reciclamos facemos un favor ao medio ambiente e á economía do Concello que é a de todos os contribuíntes”.
Represas considerou moi preocupante que “na actualidade en Ponteareas tan só se recicla o 23 % dos residuos lixeiros, papel, cartón e vidro. Por iso, o noso obxectivo e o noso empeño será conseguir case duplicar en catro anos esa cifra e acadar o 40%. Para logralo poñemos en marcha esta campaña informativa e con medidas simbólicas, como punto de arranque que dará paso durante os vindeiros meses a outras medidas e actuacións eficaces. Queremos que ese obxectivo non sexa só do goberno, senón de todos os ponteareáns, porque só así poderemos logralo”.
As actividades que se enmarcan dentro da campaña son variadas. En primeiro lugar, o concello repartirá un total de 9.000 folletos nos que se suxiren hábitos a ter en conta e se informa sobre cales son os colectores correspondentes para cada envase e a situación do Punto Limpo, entre outras cuestións. A iniciativa prevé a dotación de cinceiros nos edificios públicos e de cubos selectivos nas dependencias do Concello para concienciar ao propio persoal municipal, a entrega de cartas aos comerciantes e hostaleiros solicitando a súa colaboración, e un sorteo de 12 ecocubos e 12 compostores para todos aqueles veciños que acheguen os seus residuos clasificados ata o stand que haberá polas mañás na Praza de Bugallal. Neste espazo amosouse na mañá de hoxe o contido real dun colector, mostrando as cantidades que non se están a depositar na recollida selectiva.
“Somos conscentes de que non abonda con informar e concienciar, por iso nos vindeiros meses presentaremos novas iniciativas e medidas para poñer máis fácil aos veciños, hosteleiros e comerciantes a reciclaxe e para implicar neste obxectivo tamén aos máis pequenos como maneira de garantir un mellor futuro ambiental”, concluíu Represas.