Represas lembra que a caldeira de biomasa substitúe a cinco de gasoil moi contaminantes

O Alcalde pide ás persoas que de boa fe se opoñen á caldeira que confíen no goberno e na súa traxectoria de décadas de compromiso ecoloxista

 

O Alcalde Xosé Represas expresou o seu “respecto” cara as persoas que de boa fe se poden manifestar contra a caldeira de biomasa e animounas “a confiar nun goberno que ten no seu ADN a defensa do medioambiente, da calidade de vida e da saúde. A nosa traxectoria de décadas de compromiso e activismo ecoloxista é sobradamente coñecido en Ponteareas”, engadíu o rexedor local. Segundo Represas “a iniciativa da caldeira da biomasa vai na mesma liña que as humanizacións e a reordenación do tráfico ou as obras no conservatorio ou escola infantil. Todas elas perseguen reducir a contaminación e o despilfarro enerxético e mellorar a calidade de vida en Ponteareas”.

 

O Alcalde lamentou que “un pequeno grupo de persoas e varios partidos, por razóns políticas e ideolóxicas, decidiran crear unha falsa alarma social manipulando a realidade e os conceptos”. Segundo Represas “cando esas persoas e partidos falan de planta de biomasa ou de central térmica faltan á verdade, pois o que se está executando é simplemente unha caldeira, coa diferenza de que en lugar de funcionar con gasoil funciona con biomasa, é dicir, con astela de madeira e polo tanto un 95% menos contaminante”. O Alcalde foi taxativo e afirmou que “falar de planta ou central é unha auténtica barbaridade que só se pode lanzar desde a mala fe política, a ignorancia absoluta ou os intereses económicos ocultos daqueles aos que non interesa a biomasa como combustíbel alternativo”.

 

Represas lembrou que a carón da nova caldeira de biomasa se atopa o Centro de Día, o Centro de Maiores e o Centro de Servizos Sociais, que para o seu sistema de calefacción dispoñen de tres caldeiras de gasoil moi contaminantes. “Esas caldeiras ao igual que as da Escola Infantil e do Concello quedarán fóra de servizo e serán substituidas por esta nova caldeira de biomasa que supón menos contaminación e máis aforro económico”, aclarou o Alcalde, quen se amosou sorprendido diante dos argumentos daqueles que se opoñen á caldeira: “non é de recibo nin racional que se alarme á veciñanza cunha caldeira de biomasa que é ridícula ao lado das centos de caldeiras de gasoil e gas que contaminan o aire da nosa vila ou dos miles de vehículos que circulan a diario por Ponteareas emitindo CO2”.