Represas empraza á Directora de Mobilidade a concretar día e hora para o traspaso da estación de autobuses antes do 19 de febreiro

A demanda chega despois de que a corporación local aprobara o pasado mes de outubro unha moción na que se esixía á Xunta de Galicia que asumira a competencia da Estación de Autobuses e a asumir o déficit xerado dende 2011

 

estación-busesO Concello de Ponteareas vén de facer efectivo o envío dunha carta urxente dirixida á Dirección xeral de Mobilidade, xestionada por Helena de Lucas, para que fixe unha reunión antes do 19 de febreiro que permita tratar o traspaso da competencia da Estación de Autobuses do Concello de Ponteareas á Xunta de Galicia.

 

Trátase dunha petición que se produce case 4 meses máis tarde de que a corporación local aprobara o pasado mes de outubro unha moción na que se esixía á Xunta de Galicia que asumira a competencia da Estación de Autobuses e tamén o déficit xerado dende 2011, sen que “até o de agora o consistorio teña recibido resposta ningunha por parte da Dirección Xeral”, asegura Represas.

 

Aquela moción presentada polo goberno no pasado mes de outubro foi apoiada por todos os grupos agás EU-Son, polo que “resulta evidente que se trata dunha demanda que conta co apoio da inmensa maioría da corporación e que cuxa lexitimidade xa fora recoñecida pola propia Xunta de Galicia o pasado ano 2013 nun comunicado que recoñecía a necesidade de realizar un traspaso de competencia dado que non resulta viable manter ilimitadamente a situación de transitoriedade actual e polo que se informaba que o Concello de Ponteareas cesará na explotación da estación de autobuses de Ponteareas a partir do 1 de xaneiro de 2014, data a partir da que entraría a explotar o servizo un novo prestameiro, se fose o caso.

 

“Non podemos esperar máis. Necesitamos establecer a data dun encontro que nos permita realizar a entrega formal da instalación ou ben negociar, tal e como se establece na moción aprobada polo pleno no mes de outubro, negociar un convenio co propio Concello para compensar os gastos de mantemento desta estación”.