Represas di que a ampliación da depuradora se licitará en 2019

O Alcalde de Ponteareas Xosé Represas amosouse convencido de que a ampliación da depuradora de Ponteareas se licitará durante este ano 2019. Despois de meses de negociación entre Concello e Ministerio para a Transición Ecolóxica, o proxecto de ampliación foi contratado en 2018 pola Confederación Hidrográfica. Agora, segundo informa Represas, o proxecto xa foi redactado e entregado e será analizado nas vindeiras semanas polas dúas administracións. 

A previsión é que a obra, que ascendería a uns 4,5 millóns de euros, sexa cofinanciada entre o Ministerio (60%), Concello (20%) e Xunta de Galicia (20%) e se licite neste ano 2019. Para a Confederación trátase dun dos seis proxectos prioritarios en Galicia. Segundo Represas “estamos diante dunha obra crucial para sanear o río Tea e poñer fin aos vertidos que se producen na depuradora desde 1995, cando se inaugurou”. 

Eses vertidos son consecuencia da incapacidade da depuradora para tratar todo o caudal de augas residuais que recibe, pois foi dimensionada para 10.000 habitantes e recibe as augas de máis de 15.000 habitantes. Para solucionar este grave problema ambiental é necesario ampliar a depuradora. 

Xosé Represas amosouse satisfeito porque “aínda que este problema non o creamos nós, nin se pode resolver en catro anos de mandato, conseguimos xa poñer as bases da solución definitiva”. 

Esta mesma semana a Confederación Hidrográfica notificou ao Concello a apertura dun novo expediente sancionador polos vertidos da depuradora. Represas agarda que “non se impoñan novas sancións. En lugar de gastar en multas debemos gastar en solucións e en pagar ese 20% da ampliación da depuradora. As multas non son unha solución, ao contrario, son un lastre para dar a solución”. Neste sentido sinalou que “non tería sentido que a Confederación encargue o proxecto e financie a obra que soluciona o problema e que, sabendo que a solución está en marcha, impoña ao mesmo tempo sancións”. O Alcalde dixo ademais “non entender que escuras razóns moven ao grupo ecoloxista Adenco e o seu presidente Anxo F. Saborido a denunciar por sistema a este goberno cando saben que somos os primeiros que buscamos unha solución e conseguimos que xa estea en marcha”.