Represas anuncia unha rebaixa do 10 por cento na contribución para 2017

O Concello aplicará un coeficiente redutor do 0,90 nos valores catastrais de 2009 para que sexan máis acordes coa realidade actual

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, anunciou que en 2017 os valores catastrais, sobre os que se paga o IBI –contribución- e con incidencia noutros impostos que utilizan como base estes valores, sufrirán unha rebaixa do 10 por cento. “Esta rebaixa é consecuencia da proposta do goberno, aprobada no Pleno, de actualización dos valores catastrais que a Dirección Xeral do Catastro ven de aceptar”, manifestou Represas.

represas-saudaEsta rebaixa supón adaptar os valores catastrais, revisados en 2009 polo anterior goberno, á situación do mercado actual. O Alcalde afirmou que “esta medida terá un impacto moi positivo para todas as familias, aforrarán unha media do 10% no recibo do IBI que paguen en 2017 con relación ao que tributen neste ano 2016”.

Esta rebaixa, que era un dos compromisos do programa de goberno, permitirá compensar, parcialmente, o incremento realizado nestes anos coa ponencia de valores de 2009, ponencia que está vixente ata 2019 pero que o goberno local solicitou rebaixar xa en 2017 polas previsións de rematar no vindeiro ano co embargo do 50% dos fondos que recibe o Concello da participación nos tributos que recada o Estado. “Os impostos teñen que ser xustos e adaptarse á realidade” manifestou o Alcalde.

Represas incluíu esta medida de rebaixa dos valores catastrais a partir de 2017 “na folla de ruta marcada hai un ano polo equipo de goberno, coa realización do primeiro orzamento dende 2010, atendendo o pago das débedas atrasadas e as sentenzas xudiciais para sacar o Concello do precipicio económico.”