Represas anuncia “man dura” para rematar cos excrementos de cans nas rúas

O Alcalde de Ponteareas anunciou unha batería de medidas que se porán en marcha para erradicar “o comportamento incívico dos propietarios de cans que non recollen os excrementos e manchan as nosas rúas, prazas e parques”.

Xosé Represas pedíu a colaboración cidadá para acabar co comportamento “duns poucos que co seu incivismo e desprezo ás normas de comportamento e convivencia prexudican á maioría dos cidadáns que queremos unha vila limpa” e animou á veciñanza a informar a Policía Local sobre eses comportamentos. “Non é necesario que o cidadán denuncie, trátase só de facilitar información e serán os axentes quen vixilen, detecten e denuncien aos infractores”, aclara o Alcalde.

O Concello pedíu autorización á Subdelegación do Goberno para que a policía local poda establecer dispositivos de vixilancia con axentes de paisano. Despois dun seguimento da problemática realizado durante meses, o Concello dispón xa dun mapa coas zonas da vila máis afectadas pola presenza de excrementos de cans en lugares públicos, así como dos horarios nos que se producen eses comportamentos.

Represas anunciou que “non teremos contemplacións e sancionaremos coa maior dureza posíbel aos responsabeis destas atitudes incívicas”. O alcalde adiantou que se modificará en breve a ordenanza de limpeza, aprobada en 2004, e que contempla sancións simbólicas de 30 euros. “Aumentaremos sustancialmente o importe da sanción para que estas atitudes intolerabeis non queden impunes”.

Ao mesmo tempo, o goberno local contratou temporalmente un servizo específico de limpeza de excrementos de cans. “Con esta medida manteremos os espazos públicos libres de deposicións de cans mentres non erradicamos o problema e ademais o servizo de limpeza fará tamén unha labor de inspección para detectar a infractores”, explicou o Alcalde.

Represas lembrou que o goberno “está tomando medidas a favor da maioría das persoas propietarias de mascotas que se comportan civicamente. Estamos deseñando un parque canino para Ponteareas e aprobamos un convenio coa protectora de animais os Biosbardos, por importe de 5.000 euros anuais, pero cos que ensuxan a nosa vila non haberá tregua”.