Represas anuncia a redacción dun Plan Estratéxico de Turismo para Ponteareas

O alcalde entrevistouse coa Secretaria Xeral de Turismo, Nava Castro, a quen lle expuxo as liñas estratéxicas do futuro plan, solicitando apoio financeiro e técnico

No encontro tamén participaron a primeira tenente de alcalde, María Jesús Garrote,  a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista e o concelleiro de Medio Rural, Manuel Troncoso

Q55A0210O alcalde de Ponteareas pediu á Secretaria Xeral de Turismo, Nava Castro, apoio financeiro e técnico para elaborar un Plan Estratéxico de Turismo para o Concello de Ponteareas.

Xosé Represas mantivo unha reunión con Nava Castro no Concello de Ponteareas na tarde do xoves, 17 de setembro, acompañado doutros membros do goberno local como a primeira tenente de alcalde, María Jesús Garrote,  a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista e o concelleiro de Medio Rural, Manuel Troncoso. Nesta xuntanza, o rexedor aproveitou para explicar que “até hoxe en Ponteareas non existiu política turística, nin existe un Plan de Turismo que defina as potencialidades da localidade e as actuacións a executar a medio, curto e longo prazo”. O alcalde lamentou que “por non haber, non houbo nin coidado nin posta en valor nin promoción de atractivos turísticos cos que conta Ponteareas. A política de turismo limitouse a unha viaxe de ocio do alcalde e concelleiros cada ano a Fitur (Feria Internacional de Turismo) sen resultados prácticos”.

O alcalde adiantou que “este traballa para elaborar un Plan Estratéxico de Turismo no que se analizarán todas as potencialidades turísticas de Ponteareas e as medidas concretas que hai que poñer en marcha durante os vindeiros anos para colocar á vila no mapa turístico nacional e internacional”.

Represas adiantou tres liñas nas que debe incidir o Plan Estratéxico de Turismo. Por unha banda “o patrimonio cultural, arquitectónico e artístico que en Ponteareas é rico, variado e abundante e que debe ser posto en valor no seu conxunto e non de forma desconexa. Ese patrimonio permítenos percorrer a nosa historia desde o paleolítico, a cultura castrexa, o románico, o medievo, até a idade moderna e a contemporánea e xunto a todo iso, o patrimonio inmaterial do Corpus como manifestación cultural excepcional”.

A segunda liña estratéxica pasa polos “espazos naturais, co río Tea, o seu entorno e o seu valor ecolóxico, paisaxístico e de ocio ambiental, de recreo e deportivo, complementado con outros espazos naturais como A Picaraña que debemos converter nun grande parque forestal”.

E por último, unha terceira liña pasa, segundo o alcalde, “por converter a Ponteareas no concello referente da música en Galicia e, en especial, da música clásica coas figuras excepcionais dos compositores Rogelio Groba e Reveriano Soutullo, promovendo un turismo musical-cultural ao redor de eventos como o Festival Groba e unha programación estable ao longo de todas as épocas do ano”.

Xosé Represas suliñou que aos atractivos propios de Ponteareas hai que engadir “a súa situación estratéxica, con comunicacións inmellorables que a conectan con rapidez co turismo de praia, o turismo termal e Portugal”.

O Alcalde incidiu na importancia de dotarse dun Plan Estratéxico de Turismo para facer nos vindeiros anos “unha política ben pensada e analizada, que de verdade conleve unha nova imaxe e unha nova marca de Ponteareas”. Cun plan así, conclúe Represas, “conseguiremos que os turistas vexan no noso concello un lugar que merece a pena visitar, o que redundará positivamente en sectores como a hostalería, o comercio ou a rede de aloxamentos de turismo rural.”

Represas expresou a súa satisfacción polo encontro mantido con Nava Castro, que cualificou de cordial, salientando a receptividade da responsable do Turismo en Galicia ás propostas presentadas e amosándose convencido de que serán atendidas porque “temos un obxectivo común: que Ponteareas avance, tamén no ámbito turístico”.