Represas alerta a Fomento da falta de seguridade peoníl no enlace de Puzo na A-52 coa estrada EP-4006 e o acceso A Cheira

O Alcalde de Ponteareas informa ao Ministerio de Fomento da perigosidade que supón para os viandantes algúns puntos das conexións do  enlace de Puzo recentemente aberto na A-52, coa estrada provincial EP-4006 e coa estrada municipal que comunica co lugar de A Cheira en San Mateo.

O rexedor local envío unha comunicación ao xefe de unidade de estradas do Ministerio de Fomento en Pontevedra para trasladarlle a súa disconformidade coa apertura desta conexión sen que as obras estean rematadas coas debidas medidas de seguridade nos enlaces coa EP-4006.

Represas explícalle que “resulta imposible para os peóns transitar con seguridade na estrada provincial na zona do enlace coa autovía xa que non hai beirarrúas”.

Ademais, no escrito remitido a Fomento, Xosé Represas reclama sinalizar debidamente este enlace como saída cara o núcleo de Ponteareas pola estrada provincial así como sinalizar Ponteareas na saída de Ourense pois é o principal núcleo de poboación de toda a comarca que non figura na autovía cando incluso no enlace de Moreira é tamén o punto de conexión con Portugal máis próximo á A-52.

Por outro lado, Represas tamén pon a atención no vial que cruza enriba da autovía para acceder ao lugar de A Cheira en San Mateo de Oliveira así como a varias parroquias do concello de Salvaterra, “a situación creada é un sinsentido, non completaron o proxecto previsto da ponte sobre a autovía e deixan no medio desta estrada local uns valados quitamedos que estreitan o paso e impiden maniobrar axeitadamente aos autobuses e camións. Hai que ter en conta que por esta estrada pasa a diario o transporte escolar. Tal e como deixaron as obras obriga ao autobús a invadir o carril contrario par virar”. 

Para o Alcalde resulta sorprendente que non se empreguen os terreos expropiados para ofrecer un espazo seguro para os viandantes e cumprir así o mínimo da seguridade peoníl.