Represas aclara que dacordo co convenio proposto polo Estado as obras da depuradora realizaranse entre 2020 e 2023

Represas satisfeito co interese da Xunta en cofinanciar a ampliación da depuradora

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, amosou a súa satisfacción polo “enorme interese” da Xunta de Galicia en cofinanciar a ampliación da depuradora da localidade. A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, explicou onte que ven de solicitar “a celebración dunha xuntanza urxente para que a Xunta e o Goberno de España poidan abordar conxuntamente, o antes posible, o financiamento (…) da depuradora de Ponteareas”. Represas dixo compartir “a urxencia da conselleira”.

O alcalde lembrou que “tras conseguir que o Estado redactara o proxecto das obras a realizar, insistimos na necesidade de financialas mediante un convenio entre Estado, Xunta e Concello, unha idea na que tamén coincide o goberno galego”.

Represas espera que o convenio entre as tres partes se asine en breve, pois xa existe o compromiso político do Estado e do Concello e só falta o da Xunta. Dito convenio prevé un investimento duns 9 millóns de euros para os que a Xunta tería que achegar o 20%, 1.800.000 euros.

Conforme ao convenio, a previsión é que a ampliación da depuradora e os colectores xerais de nova creación que rodearán o casco urbano estean rematados en 2023. “Logo de 25 anos con vertidos ao Tea estamos moi esperanzados de que unha obra desta envergadura se poda concluir no prazo previsto, marcando un antes e un despois para o noso río e o entorno natural de Ponteareas”, salientou Represas.

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade tamén asegurou que á vista do borrador do convenio, o Estado non prevé investimentos no ano 2020 e que se iniciarán en 2021. Represas amosouse extranado con estas declaracións xa que “no borrador non figura o calendario de investimentos do Estado, só figura a proposta para a Xunta e o Concello”. Engade o alcalde que “é certo que o calendario que se propón para a Xunta vai do 2021 ao 2023, pero no caso do Concello o seu calendario de aportacións comeza xa en 2020 até o 2023. De feito, na táboa de aportacións municipais figuran dúas

columnas, nas que por erro se repite o ano 2021, cuestión sen relevancia pois estamos diante dun borrador pendente de revisar e concretar entre as tres administracións”.

Represas animou á Xunta “a comprometerse canto antes no financiamento desta actuación tan importante para Ponteareas”.