Rematadas as obras de acondicionamento da casa de autopsias

sdr

A concellería de Vías e Obras e a concellería de Medio Ambiente traballaron de xeito transversal para darlle un novo uso a este espazo

A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo e a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, visitaron, acompañadas de técnicas municipais, as obras de acondicionamento da casa de autopsias do cemiterio municipal financiadas con fondos propios a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Chus Garrote informa que estas obras, que veñen de rematar, tiveron un custe total de 38.216,05€ (ive incluído) e permitiron a substitución das carpinterías exteriores e o encintado e tratado exterior das paredes.

Garrote engade que tamén se actuou nos terreos do cemiterio revisando e subsanando a rede de abastecemento e a recollida de auga coa instalación de tomas na área das sepulturas permitindo mellorar os puntos nos que as usuarias e usuarios recollen auga e a canalización das augas sobrantes destes puntos.

Este edificio que data de finais do século XIX, segundo datos do catastro do ano 1900, servía antigamente como casa de autopsias, velatorio e almacén. A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, adianta que pasará a ser de uso do persoal municipal do seu departamento para que dispoñan dun espazo no que poder cambiarse e deixar as súas pertenzas na xornada laboral coa colocación de taquillas e bancos.

Covelo e Garrote explican que eran unhas obras moi necesarias nun edificio municipal podéndolle dar agora un mellor aproveitamento.