Récord de participación vestido de época na Feira dos Remedios

O gando, os paseos en carruaxe, a música e os produtos artesáns puxeron a Ponteareas na axenda de milleiros de persoas

O concello destaca que cada vez son máis os que participan vestidos de época e agradece a colaboración do tecido comercial que incrementou a súa colaboración sendo máis os comercios que se atrezaron para a ocasión

O concello de Ponteareas aplaude a todos os participantes que nesta última edición da Feira dos Remedios acudiron vestidos de galegos e galegas de principios do século XX facendo que cada vez sexan máis os que deixan no roupeiro o estilismo contemporáneo para ataviarse de acorde á ocasión.

A tenente de alcalde e concelleira de Eventos, Cristina Fernández, salienta desta última edición o incremento do número de participantes que acudíu vestidos de época e a maior involucración do tecido comercial que atrezou os escaparates, máis ca nunca, contribuíndo a ambientar as rúas e espazos urbanos.

Nesta edición a Feira dos Remedios levouse a máis recunchos da vila acollendo a praza da Música a zona de xantar cun pulpeiro, entre outras ofertas gastrónomicas, e o gando volveu ao seu punto de orixe no parque da Feira Vella. “Con isto conseguimos que houbera máis tránsito e fluxos de movementos de persoas deste xeito deuse máis visibilidade aos comercios e hostalería local”, engadíu Cristina Fernández.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura e Lingua, Fernando Groba adianta que a Feira do Gando foi un dos puntos máis visitados amosando o público un grande interese por coñecer as razas autóctonas de Galicia e polas demostracións do poni club coa exhibición de salto ateigando o xardín do IES Val do Tea e as do Club Hípico Char coa exhibición de andadura por Puraga, así como o monográfico ofrecido polo Club Can de Palleiro.

Moito éxito tamén tivo a degustación gratuíta de carne ecolóxica de poldro que nos agasallou a Asociación de Criadores de Cabalos de Pura Raza Galega (Puraga) que esgotou as 120 hamburguesas que traían en menos de 30 minutos.

Outro dos atractivos da feira que tivo moi alta demanda foron os paseos en carruaxe de cabalos que todo o público puido desfrutar de balde e o photocall rexistrou máis visitas ca nunca e tirou máis fotos que en anteriores edicións. Todos os que pasaron por alí tiveron o dereito a participar no sorteo das cinco cestas de produtos artesáns que se agasallaron.

A Feira dos Remedios ofreceu aos visitantes produtos artesáns de calidade e tamén de plataforma de promoción dos grupos folclòricos participantes no XXXII Festival Folclòrico que, tamén por vez primeira, se integrou na programación da Feira.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Eva Gil, asegura que a Feira dos Remedios é unha plataforma de promoción dos produtos artesáns pondo tamén en valor os nosos produtos e produtores locais que tiveron a oportunidade de amosar a calidade dos cultivos da nosa terra.

A Feira dos Remedios contribúe á dinamización económica ao atraer xente de toda a área metropolitana e veciños de Portugal que non só coñecen os produtos vendidos polos artesáns se non tamén toman contacto co nosos comercios, a nosa hostalería e os nosos grupos musicais”.

Cristina Fernández agradece tamén o intenso traballo do persoal de todos os departamentos e a boa colaboración de todas as concellerías do concello.