RECOMENDACIÓNS DOS ESPECIALISTAS DO CHUVI EN RELACIÓN COS INCENDIOS

Especialistas do CHUVI recomendan á cidadanía unha serie de actuacións en relación cos incendios, xa que un aumento da concentración de partículas e gases da combustión de biomasa durante un período de tempo pode ser perxudicial para a saúde de determinados grupos de pacientes:

– En persoas sas -excepto unha exposición directa e masiva á fumareda- o fume ambiental non adoita ocasionar problemas máis alá de irritacións leves nas vías aéreas altas e nas mucosas como nos ollos. A poboación infantil e a de maior idade son os colectivos máis susceptibles.

– Para a poboación xeral, reiterar as recomendacións xenéricas: peche de portas e ventás, colocar toallas ou panos mollados nas zoas de fuga co obxecto de taponar a entrada do fume, e non saír de casa salvo necesidade.

– Os problemas poden aparecer en pacientes con enfermidades respiratorias e cardiopatías crónicas. A recomendación para estes colectivos específicos é que sexan especialmente persistentes co seus tratamentos habituais; incluso aqueles que teñen pautado un plan terapéutico acordado co seu médico, unha “medicación de rescate”, que a utilicen en caso de necesidade.

– No caso daqueles pacientes con terapias respiratorias crónicas como osixenoterapia ou ventilación mecánica non invasiva domiciliaria, poden incrementar o número de horas recomendadas de forma transitoria ata que diminúa a concentración de fume no ambiente.

– Se os síntomas persisten ou ante calquera dúbida, deben poñerse en contacto telefónico co seu médico xeral ou co 061. No caso de crise ou compromiso vital deben acudir ao Punto de Atención Urxente do seu centro de saúde máis cercano.

– En relación coas alteracións emocionais non deben considerarse unha enfermidade, xa a que a reacción das persoas nesta situación é unha resposta esperable, adaptativa e transitoria.

– É frecuente que se poda sentir irritabilidade, temor, signos de ansiedade ou insomnio, polo que se recomenda procurar descansar, alimentarse con normalidade, buscar apoio en familia e amigos e recuperar horarios e rutinas que se tiñan antes do incendio.

– As persoas que sufriron perdas de familiares ou amigos, ou as súas propias vivendas ou enseres persoais, ou aquelas en que persistan os síntomas máis alá dun mes, poden requirir axuda profesional, polo que neses casos se recomenda que acudan ao seu centro de saúde.

A xerencia da EOXI de Vigo agradece publicamente a actuación do persoal; a aqueles que onte desenvolveron o seu traballo con absoluta profesionalidade tanto nos hospitais como no ámbito da atención primaria, e aos que se teñen posto a disposición para incorporarse e ofrecer os seus servizos en caso de necesidade.