O Alcalde de Ponteareas Xosé Represas e a concelleira de Cultura e Turismo, Hortensia Bautista, reuníronse co vereador de Turismo da cámara de Braga (concelleiro de Turismo do concello de Braga), Altino Bessa, para acordar os actos de promoción que Ponteareas realizará no decorrer das actividades programadas para a Semana Santa de Braga.
Grazas á boa predisposición do homólogo de Turismo, Ponteareas realizará unha mostra de arte alfombra floral nas inmediacións do paso da procesión da Semana Santa de Braga que, ano tras ano, congrega a milleiros de persoas.
Nun punto estratéxico nas proximidades da oficina de turismo de Braga, nunha das esquinas máis céntricas da Avda da Liberdade, Ponteareas promocionará as alfombras florais do Corpus 2018 coa entrega de folletos informativos e a relización dunha mostra de alfombra que estará dende o venres día 30 ata o sábado día 31 adornando un dos puntos neurálxicos da cidade.
En pleno centro histórico, esta representación floral e este espazo de Ponteareas no que estarán alfombristas e membros do goberno local, serán visitadas e contempladas por todos os e as visitantes que se achegan a máis afamada procesión de Semana Santa de Portugal.
Deste xeito, Ponteareas leva a súa tradición e arte efímera a unha das tres cidades máis importantes de Portugal que coñecerá a festa do Corpus Christi e a riqueza patrimonial, paisaxística e gastronómica da nosa vila.
O Alcalde de Ponteareas e a concelleira de Cultura, agradecen fondamente a colaboración do concelleiro de Turismo ao facilitar unha ubicación na zona de maior paso de persoas e amosarse aberto a futuras colaboracións.
Arranca así a primeira acción de promoción que se centrará nas cidades e vilas do norte de Portugal e Galicia.