Raquel Castro trae ao “Venres D_letras” a súa novela “Nº atómico 74”

Raquel Castro Martínez será a escritora protagonista do ciclo Venres D_letras, que se desenvolve unha vez ao mes no salón de Plenos do Concello de Ponteareas dentro da programación cultural da concellería de Cultura que dirixe Hortensia Bautista. A escritora salvaterrense presentará a súa novela xuvenil “Nº atómico 74”, unha historia que se apoia na nosa tradición popular para relatar a evolución e maduración dun rapaz, que vai ver transformada de maneira radical a súa maneira de entender o mundo ao descubrir que pertence a unha saga de lobishome.

A narración transcorre nos arredores da vella mina de wolframio de Fontao, preto de Silleda, á que os alemáns acudían durante a Segunda Guerra Mundial para extraer o mineral co que fornecer o seu armamento. O wolframio, que ten o número atómico 74, era coñecido en alemán como “wolf”, a mesma palabra que empregan para referirse ao lobo. A partir de aí, e xogando con distintos planos temporais, asistimos ao relato protagonizado por un mozo que entra na adolescencia sen ser consciente da súa situación real e que, aos poucos, vai descubrindo que procede dunha estirpe de homes lobo que habitaron o poboado. 

Raquel Castro, filóloga e profesora, ten publicado varias obras teatrais, maiormente dirixidas a un público infantil e xuvenil, terreo no que xa acadou premios como o Estornela, organizado pola Fundación Xosé Neira Vilas. Tamén cultiva a narrativa e, principalmente, o relato curto, campo no que tamén acadou premios como o Francisco Fernández del Riego ou o premio “Igualando a lingua”, do Concello de Cee.