Este Corpus Christi terá a honra de contar con Rafael Sánchez Bargiela, como pregoeiro da Festa do Corpus Christi.
Natural de Tui, onde nace en 1961, é o actual director-xerente da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo.
A súa relación co Concello de Ponteareas comeza no ano 1990 cando entra a formar parte como director do Museo, Biblioteca e Arquivo Municipal, ata marzo de 2006, que se incorpora ao de Tui como Técnico medio de Arquivo, Museo e Biblioteca, ata o seu recente nomeamento como director-xerente da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo.
Durante os anos que desenvolve o seu labor en Ponteareas, foi promotor de diversos proxectos culturais sobre a nosa vila e comarca, en xeral, e sobre o Corpus, en particular. Así, foi impulsor do Museo Municipal e do Centro de Recuperación de Cultura Popular, actualmente situado no Castelo de Sobroso; da Rede de Bibliotecas Municipais; da revista Pregón; do Soberosum, ou dos últimos números de Lonxe da terriña.
Historiador e investigador sobre temas ponteareáns e a súa comarca, publicou importantes estudos como “100 años de luz eléctrica en Puenteareas”; “Percorrido pola historia de Ponteareas, imaxes do século XX nas coleccións do Museo Municipal de Ponteareas”,entre outros.
O Corpus Christi ponteareán foi un dos temas máis estudados por Rafael Sánchez Bargiela, sendo moitos os artigos publicados en revistas de carácter científico, desenvolvendo un labor divulgativo moi importante para o coñecemento da nosa festa máis emblemática. Moitos deles foron publicados na revista de difusión do Corpus Christi “Pregón”. Pódense citar, entre outros, “La fiesta del Corpus Christi en Puenteareas (su origen y evolución)”, en colaboración con Moné Fernández; “Precedentes de la fiesta del Corpus Christi en Ponteareas”, en colaboración con Moné Fernández; “Los comienzos de las alfombras de flores”, en colaboración con Moné Fernández;“Penlas no Corpus de Ponteareas”; “A beleza das alfombras do Corpus Christi de Ponteareas” ou “As alfombras de flores xa existían no ano 1857”, entre outros.
O seu coñecemento sobre o Corpus Christi ponteareán faino merecedor de representar o Concello de Ponteareas en diversos congresos internacionais de arte efémera, con comunicacións como “La fiesta de Corpus Christi en Ponteareas” en La Orotava (Tenerife) ou “La fiesta del Corpus Christi en Ponteareas: un patrimonio cultural” no III Congreso Internacional de Arte Efémera, celebrado en Ponteareas no ano 2010. Ademais, o seu coñecemento e labor difusor das nosas tradicións, lévao a colaborar en programas de divulgación histórica en diferentes medios de comunicación.