Público, grupos, organizadores e hostaleiros respaldaron a campaña Agresión Off promovida pola Concellería de Igualdade

A concellería de Benestar Social e Igualdade, que dirixe Verónica Carrera, fai un balance positivo da campaña Agresión Off que foi promovida no parque da Feira Vella durante a celebración do Rock in Rio Tea esta pasada fin de semana. En colaboración coa organización, a concellaría instalou un punto de información no que se realizaron enquisas e se ofreceu información sobre que é unha agresión sexual, tipoloxía, pautas de actuación ante unha agresión sexual ou teléfonos de interese, entre outros contidos, co obxectivo de achegar a mensaxe da importancia de cultivar vínculos de respecto nas relacións.

Durante os dous días repartíronse máis de 1.000 folletos, entregáronse 150 fotos polaroid cos correspondentes marcos coa imaxe e información da campaña, fixéronse máis de 100 novas enquisas que se suman ás realizadas durante as festas do Corpus de Ponteareas e difundíuse a campaña en redes socias sendo compartida polos grupos participantes.  Os e as informadoras repartiron, ademais, agasallos a todos e todas as que participaban compartindo a campaña nas súas redes sociais.

Por iniciativa da concellería de Igualdade, educadores e informadores reactivaronse ao igual que o fixeron na festividade do Corpus para acadar un alto de nivel de información a traverso das enquisas pero tamén para concienciar a un máximo número de persoas.

Nesta campaña tamén volveron participar os negocios da hostalería ponteareá que expuxeron cartelería da campaña con mensaxes específicos tanto para homes como para mulleres.

Verónica Carrera agradece a implicación da organización así como de todos os colectivos que amosan o seu apoio, dos grupos de música do Rock in Rio Tea e, por suposto, de todo o público que axudou a difundir a mensaxe de respecto e igualdade.