Publicadas no Boletín Oficial da Provincia as bases do VIII Premio de Investigación Fermín Bouza Brey

A concellería de Cultura, que dirixe Fernando Groba, informa que xa están publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases do VIII Premio de Investigación Fermín Bouza Brey.

O Concello quere lembrar con este premio o nacemento, na vila do Tea, do ilustre polígrafo e poeta Fermín Bouza Brey. A data de comezo do prazo de presentación dos traballos está aberta dende o venres día 8 de maio e os participantes terán tres meses para presentar os seus traballos.

Aínda que inicialmente nas bases se sinala o remate do prazo de entrega o día 30 de xuño, debido ao estado de alarma o Concello verase na obriga de modificar o prazo de remate de entrega dos traballos e que se fará público a través da páxina web do Concello e das súas redes sociais.

Tódolos interesados e interesadas poden consultar as bases nesta ligazón da páxina web do Concello http://ponteareas.gal/xiralda/uploads/2020/05/VIII-Premio-de-Investigaci%C3%B3n-Ferm%C3%ADn-Bouza-Brey-1.pdf

Lois Ladra foi o gañador da anterior edición co seu traballo ““A lamprea nas terras do Condado: Aspectos etnolóxicos da pesca fluvial e artesanal e do patrimonio fluvial o río Tea”.

O premio, dotado con 3.000€, permite promover a investigación científica sobre Ponteareas e a comarca do Condado, co que iso supón de afondamento na identidade cultural de Galicia. Este premio, está aberto aos proxectos de investigación científica nos campos da historia, arte, arqueoloxía, etnografía, literatura ou ciencias sociais, que terán que ter, obrigatoriamente, como referente o municipio de Ponteareas e complementariamente, a comarca do Condado.