
Trátase dun material co que reforzar os máis de 1.500 operativos que a agrupación de voluntarios realiza ao ano na vila e na comarca
Protección Civil de Ponteareas xa conta cun novo desfibrilador externo semiautomático para os seus operativos despois de que o Concello solicitara o material a través da subvención de material en concorrencia competitiva a concellos de menos de 50.000 habitantes da Xunta de Galicia.
A alcaldesa, Cristina Fernández, salienta a importancia de “continuar incrementando o material do que dispón os voluntarios e voluntarias, aos que non podemos máis que agradecerlles o gran traballo que están a facer para velar pola seguridade de nosa vila, con máis de 1.500 operativos realizados cada ano na vila e na comarca”.
A agrupación recolleu na Axencia Galega de Seguridade Pública este desfibrilador externo cun mínimo de dous xogos de parches de electrodos, un xogo de dúas baterías, cable de conexión a porto USB, kit de reanimación cardio-pulmonar e mochila impermeábel. O DESA é un aparello electrónico portátil sinxelo de manexar que permite identificar e tratar as paradas cardio-respiratorias, un recurso moi útil para actuar de xeito coordinado cos profesionais do 061, conseguindo gañar tempo na atención ante unha parada cardíaca ata a chegada dos servizos sanitarios profesionais.