Protección Civil de Ponteareas colabora na procura dun rapaz desaparecido en Porriño

A concelleira de Seguridade de Ponteareas, Vanesa Fernández, apunta que media ducia de voluntarios  de Ponteareas se atopan xa colaborando

David Galán Domínguez desapareceu o 24 de abril do 2017, en Porriño, na Zona do Parque del Canónico. De 39 anos, 1’70 m de estatura, 80 kg de peso, leva un pendente dilatador na orella dereita, e unha tatuaxe tribal de cor negra no brazo dereito de codo a ombreiro. No momento da súa desaparición, vestía un pantalón vaqueiro, camiseta branca con letras U en laranxa e letra N en cor negra e círculo de cor azul no centro.

Na súa procura, na que traballa a Policía Local de Porriño, Protección Civil de Porriño, e un helicóptero da Garda Civil, colabora agora tamén media ducia de voluntarios da Agrupación Municipal de Protección Civil de Ponteareas, distribuídos en grupos, baixo a dirección do xefe da Agrupación, que en todo momento informa á concelleira de Seguridade, Vanesa Fernández, das novidades. Esta procura continuou no día de hoxe dende as 08:30 h da mañá entorno ao Monte da Risca (Porriño).

“Estamos axudando no dispositivo de procura con este grupo de voluntarios, que se desprazaron hoxe pola mañá para participar na batida no Monte da Risca. Dende o Concello sempre estamos dispostos a colaborar coas Forzas e Corpos de Seguridade en calquera tipo de situación e agora non podía ser menos”, indicou Vanesa Fernández, concelleira de seguridade de Ponteareas.