Programación específica para infantil e para primaria no Campus Tea Nadal

Na páxina web do concello as familias poden consultar a programación de actividades lúdicas, didáctivas e festivas que realizarán as pequenas e os pequenos

Concursos, obradoiros, experimentos, xogos e festivais son algunhas das propostas coas que as pequenas e pequenos de Ponteareas desfrutarán das vacacións de nadal se asisten ao campamento de conciliación laboral e familiar que ofrece a concellaría de Ensino do concello de Ponteareas.

Cristina Fernández, concelleira de Ensino e tenenta de alcalde, recorda as familias que está aberto o prazo para preinscribirse no Campus Tea Nadal 2019, unha alternativa de lecer para rapaces de 3 a 12 anos e adianta que a empresa que xestiona o servizo deseñou unha programación específica para o alumando de infantil e outra para o alumnado de primaria para ofrecer un servizo de maior calidade e axeitado aos distintos perfís.

No Campus Tea Nadal as cativas e os cativos estarán atendidos por profesionais cos que realizarán actividades lúdicas, didácticas e tamén festivas para que as horas do campamento se transformen en momentos cheos de bos recordos e que aporten coñecementos e experiencias útiles para o desenvolvemento da súa vida cotidiá.

As preinscricións estarán abertas ata o 22 de novembro e as familias interesadas poden xa consultar as bases na páxina web do concello de Ponteareas ou directamente na seguinte ligazónhttps://ponteareas.gal/servizos/ensino/campus-tea/

Tamén se poden achegar ao departamento de Ensino do concello de Ponteareas para obter as bases e os anexos para cumprimentar de luns a venres de 9 a 14 horas.

Do 23 de decembro ao 7 de xaneiro as familias disporán deste servizo de apoio que se desenvolverá no CEIP Nosa Señora dos Remedios de 9 a 14 horas.

A preinscrición deberá ser presentada antes do día 22 de novembro no rexistro xeral da casa do concello en días laborais a partir das 9 e ata as 13 horas.

As familias poderán coñecer a programación detallada e diaria do Campus Tea accedendo no seguinte enlace da páxina web do concello de Ponteareas http://ponteareas.gal/xiralda/uploads/2019/11/Cronogramas-Campamento-de-Conciliaci%C3%B3n-CAMPUS-TEA-NADAL-2019.pdf