O programa Apego anima a ler e a reflexionar coa actividade “Non máis guerras” de Trinketrinke teatro

A Concellería de Cultura do Concello de Ponteareas, que dirixe a nacionalista Hortensia Bautista, convida ás familias de Ponteareas a asistir a actuación “Non máis guerras” de Trinketrinke Teatro que se enmarca dentro das actividades do programa Apego e que terá lugar o domingo día 4 de marzo ás 18 horas na sala multiusos do auditorio municipal.

Dirixida a cativas e cativos de catro a seis anos, Trinketrinke fai animación á lectura desde o teatro cun contacontos de educación para a paz. 

Os protagonistas dos seus espectáculos son uns personaxes fantásticos: os Ratos da Biblioteca, que proceden dun lugar chamado Lonxedetodo, onde os libros e a lectura ocupan un lugar sobranceiro na vida da comunidade.

En “ Non máis guerras” dous destes ratiños, a gran Lilí Gruyére e  o rato Fuco,  reflexionan sobre a guerra e as súas causas e van realizar, coa colaboración dos nenos e nenas asistentes, un experimento moi interesante sobre a solución pacífica de conflitos.

O vínculo coa lingua nai, co galego, é o fío condutor e o obxectivo das actividades do programa Apego que fomenta o emprego do noso idioma, tan demandado nos últimos tempos a nivel empresarial sendo solicitado por moitas multinacionais asentadas en España e con delegacións no veciño pais de Portugal e noutros países de fala lusa.

O galego é un idioma vinculante e o máis universal da Península de doado entendemento co resto do territorio español e portugués. 

Apego é un programa colectivo dirixido a fomentar e a facilitar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización dos nenos e das nenas entre 0 e 6 anos no noso idioma, para o que se desenvolven materiais, facilítanse e difúndense recursos, deséñanse e prográmanse actividades para nais e pais e para nenos e nenas, etc.

Todas aquelas persoas interesadas en participar neste proxecto poden pórse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ponteareas, onde recibirán toda a información precisa.

Esta iniciativa, posta en marcha en 2015 e nacida no seo da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), é desenvolvida desde os servizos de normalización lingüística de 30 concellos: A Baña, A Coruña, Ames, Carballo, O Carballiño, Carnota, Cee, Ferrol, Lugo, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Nigrán, Oleiros, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Ponteareas, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Sada, Santiago de Compostela, Teo, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vimianzo.

O obxectivo é facilitar a incorporación da lingua propia de Galicia na comunicación familiar cos máis pequenos, mediante diferentes actividades, recursos e materiais.