Primeiro desfile de traxe galego en Ponteareas

A veciñanza da comarca gozou por vez primeira do espectáculo do desfile de traxe galego celebrado nas rúas e no auditorio municipal de Ponteareas dentro da programación das festas de setembro. 

En colaboración coa Asociación Etnográfica “Sete Espadelas” exhibirónse máis de vinte traxes de home, muller, neno e nena con pezas que resumían o vestiario tanto dos días festivos como dos de diario.

A Asociación Etnográfica Sete Espadelas xurde en Pontevedra como resposta ás inquedanzas dun grupo de persoas sobre a indumentaria tradicional.

Os obxectivos da mesma son o estudo, recuperación e reprodución de prendas esquecidas ou distorsionadas do noso traxe tradicional.

Para isto recuperan os patróns antigos,o xeito da confección e os tecidos. Sempre baseándose en pezas mestras antigas, documentos gráficos ou informacións recollidas ós nosos maiores.

Coma parte desta recuperación de todo o relacionado coa indumentaria tradicional tamén tentan recuperar todo o proceso artesanal do liño, desde a súa sementeira ata o traballo do tear, para reproducir os diferentes tipos de tecidos antigos para os que se empregaba, só ou xunto coa la, coma o lenzo, o picote ou candil, a xerga…

A MOSTRA:

Esta mostra de traxe tradicional tratou de lle devolver o seu lugar ó traxe tradicional galego e de recuperar auténticas xoias do noso patrimonio que precisamos por en valor.

Na pasarela celebrada o pasado domingo, día 23 de setembro, amosáronse 24 traxes “de garda ou cerimonia”, traxes “domingueiros ou de ir á vila” e traxes “de decotío ou faena”. Todos eles antigos ou fieis reproducións de antigos, recollidos vila por vila, en fotografías antigas, gravados ou pinturas da época, froito do estudo e investigación da asociación.

Por primeira vez en Ponteareas gozouse dunha colección desta magnitude e nun marco incomparable, o Auditorio Reveriano Soutullo, onde se amosaron traxes de garda ou cerimonia de Betanzos, Leiro ou Santiago. Tamén traxes domingueiros de Carballedo, Abadín ou Vilasantar, e traxes de decotío de Ordes, a Cotobade ou A Pastoriza.