A primeira quenda do Campus Tea de verán está xa en marcha con gran éxito de participación

Cen nenas e nenos comezan a partires de mañá unha nova quenda do campamento urbano no CEIP Nosa Señora dos Remedios

Entre o día 1 e o 15 de xullo, co título Arqueoxogando, comeza unha nova etapa, na que as/os participantes poderán achegarse ao mundo da arqueoloxía dunha maneira divertida.

Entre os obxectivos deste campus están representar o traballo real dun arqueólogo, realizar unha viaxe pola historia a través da arqueoloxía, espertar a curiosidade das nenas e nenos pola escavación e as súas ensinanzas na construción do pasado, concienciar sobre o valor do noso patrimonio histórico e arqueolóxico, e permitirlles estar en contacto coa cultura material.

Realizarán actividades como elaborar un caderno de campo, preparar un espazo de investigación, organizar equipos e primeiros pasos nunha escavación e saír en expedición, entre outras moitas.

A Concelleira de Ensino, Cristina Fernández, colaborará activamente en actividades complementarias que podan ser interesantes para o desenvolvemento da temática de cada quenda, e salienta “a importancia do Campus para posibilitar a conciliación da vida laboral e familiar ao mesmo tempo que as nosas nenas e nenos gozan dunha actividade lúdica con outros compañeiros e valoran o xogo como recurso para aproveitar o tempo libre e adquirir valores e hábitos para a convivencia en grupo como a tolerancia e o respecto.”

As quendas do Campus Tea seguirán na segunda quincena de xullo coa temática Ciencia divertida cos elementos, vivindo experiencias de primeira man e experimentando con ela; e na primeira e segunda quincenas de agosto respectivamente, cos tópicos Fotocine, para aprender a historia da fotografía e o cinema e O País dos Sentidos, onde gozaran de experiencias sensoriais.