A primeira edición do torneo Billar na Rúa encherá a Praza Maior de Ponteareas con 50 participantes os vindeiros 23 e 24 xullo

A partir das 18.00 horas do sábado e a partir das 11.00 horas do domingo medio cento de xogadores de 7 a 70 anos nas modalidades individual, por parellas, speed pool e infantil mixto mostrarán a súa pericia co taco e as bólas nesta competición organizada pola Club Escola de Billar Sportivo coa colaboración da Concellería de Deportes

fotobillar

“Somos unha potencia do billar”, explica o presidente do club e xogador profesional, Luciano Novoa.  Os mellores xogadores da disciplina da comarca e de Galicia participarán nesta cita, a primeira deste tipo na comarca, na carpa instalada ao respecto na Praza Maior e aberta a todos os públicos. “Con esta iniciativa queremos dar a coñecer o labor que se leva facendo durante anos, cun nivel competitivo que non pode envexar a ningunha cidade”, engade.

“O Club Escuela de Billar Sportivo de Ponteareas ano tras ano participa en campionatos galegos e españois da disciplina, deixando o nome da nosa vila ben alto, como no recente terceiro posto de Luciano Novoa no XXIV Campionato Galego de Billar, realizado en Vigo a pasada semana. Desde o Concello de Ponteareas desexamos a mellor das acollidas a esta iniciativa e animamos a toda a veciñanza a acercarse e gozar da competición e espectáculo”, indicou o concelleiro delegado de Deportes, Benito Márquez.