Preto de 500 ciclistas participaron na marcha ciclista a Mondariz Balneario

MARCHA CICLISTAO pasado domingo, día 21, Ponteareas viviu un ano máis o Día da Bicicleta, unha actividade organizada polo Concello de Ponteareas e o Club Ciclista Ponteareas, e que contou coa colaboración da Deputación Provincial e varias casas comerciais que donaron regalos para o sorteo final.

A actividade permitiu que preto de 500 veciños e veciñas, de todas as idades, participaran nunha marcha ciclista popular que, ano tras ano, conta con máis adeptos.

A Marcha Ciclista Solidaria a Mondariz Balneario, estivo aberta á participación de todos os veciños e veciñas maiores de 8 anos, que sairon da Praza Maior de Ponteareas ás 10:30 horas da mañá cara a Mondariz Balneario nun trazado cualificado de dificultade baixa e, polo tanto, apto para todas as idades.

Ao longo do percorrido, houbo paradas para reagrupamento e xa na vila balnearia, a organización tiña disposto un posto de avituallamento para recuperar forzas, coa colaboración de Confitería Ancla e Aguas de Mondariz.

Logo deste descanso, os participantes emprenderon o camiño de volta a Ponteareas para rematar na Praza Maior onde houbo un sorteo de agasallos entre todos os participantes.