Presentado o campionato escolar provincial de bádminton

Foto PrensaO vindeiro domingo día 25 de maio ás 9h celebrarase nos pavillóns do Complexo Deportivo Álvaro Pino,  o Campionato Escolar Provincial de bádminton por equipos no que participan os mellores xogadores a nivel escolar da provincia. O número de participantes rolda os 230 con idades comprendidas entre os 8 e os 16 anos, categorías benxamín, alevín, infantil e cadete.

O evento foi presentado este mércores na Casa do Concello coa presenza do alcalde Salvador González Solla, o concelleiro de deportes, Alberto Novoa, o director técnico da Federación Galega de Bádminton, Juan Vilamao, o coordinador deportivo provincial, Guillermo Reinaldo e representantes do Club Bádminton Ponteareas.

Juan Vilamao, cualificou este campionato como o máis importante da comunidade en canto ao volume de participantes, clubs e asociacións que move e o seu nivel de xogo, destacando a presenza de varios campións galegos e nacionais.

Varios xogadores do club anfitrión competirán por acadar o seu mellor resultado posible, como Gabriel Soto e Jesús Pérez en categoría benxamín e Sara Álvarez e Aldara Mariño en categoría infantil feminino. Víctor Lemos, o seu adestrador, destacou a importancia do evento ao tratarse do primeiro deste nivel que se celebra na localidade. Insistiu na importancia e apoiar e promover o bádminton nas escolas e seguir medrando cada tempada. Por outra banda, agradeceu a tódolos colabores que fixeron posible a organización dunha proba desta envergadura, como  a Xunta de Galicia, Concello de Ponteareas, Deporte Galego, Galicia Saudable e diversos comercios da vila.