Presentación da Festa do Pote

Foto MediosO concelleiro de Cultura do Concello de Ponteareas, Andrés Sampedro Fernández, xunto cos organizadores da Festa de Pote, José M. Giráldez Groba e Martín Rodríguez Bargiela, da Asociación Cultural San Martiño de Couso, presentaron este mércores na Casa do Concello de Ponteareas a Festa do Pote, de Couso, en Guláns.

Esta xuntanza terá lugar o vindeiro sábado, día 22 de marzo de 2014, en Couso (Guláns), Ponteareas, e principiará ás 9:00 horas cos preparativos para as potadas de augardente e cada asociación ou comunidade coidará da súa, facendo a destilación cada unha ao seu xeito. Ás 14 horas poderase degustar un gran cocido e, ao remate do xantar, volta ao carón dos potes  a gozar do baile. Como final de festa, haberá unha tradicional queimada coa augardente elaborada nos propios potes in situ. As persoas que desexen degustar esta marabilla gastronómica, que é o cocido, poden adquirir o seu vale na Asociación Cultural San Martiño de Couso.

Nesta xuntanza participarán ademais da mencionada asociación, a Asociación Artística Cultural de Guláns, a Asociación Cultural de Padróns, a Comunidade de Montes de Paredes, a Asociación Cultural de Angoares e a Asociación Cultural de San Mateo de Oliveira.

Segundo palabras do edil de Cultura do Concello de Ponteareas, Andrés Sampedro Fernández, é un orgullo poder colaborar con esta “Festa do Pote”, iniciativa que é  unha boa oportunidade para difundir entre a poboación e dar a coñecer a elaboración artesá da nosa augardente e a tradicional queimada, como medio de difundir a nosa cultura tradicional.