Presentación da Exposición Día da Camelia en Ponteareas

cameliaEsta mañá o Centro Artístico Sportivo de Ponteareas acolleu a presentación da Exposición Día da Camelia, que vai ter lugar no citado centro cultural da vila do Tea durante os días 28 e 29 de marzo. Neste acto estiveron presentes o alcalde de Ponteareas, Salvador González, o concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro, o presidente do Centro Artístico Sportivo, Pedro Andrés Alfaro, e o responsable da exposición, Antonio Martínez.

Esta exposición que contará con 25 expositores nos que se poderán contemplar distintas variedades desta bela flor, conta coa colaboración do Concello de Ponteareas, o Centro Artístico Sportivo e a Deputación de Pontevedra, quen colaborou en todo o posible, así como a Estación Fitopatolóxica do Areeiro a través da doazón de plantas de camelias para cada un dos expositores participantes

Salvador González Solla felicitou ao organizador desta exposición por esta iniciativa e manifestouse moi satisfeito por poder levar a cabo esta exposición en Ponteareas e agradeceulles á Deputación de Pontevedra e ao Centro Artístico Sportivo a súa colaboración para facer posible que os ponteareáns poidan gozar dunha exposición tan vistosa.