O próximo domingo día 2 de febreiro, Ponteareas convertese na capital galega da natación en categoría máster (veteranos) coa celebración do campionato autonómico de dita modalidade.
Nesta competición, poderemos ver en sesión de mañá e tarde, preto de 250 nadadores das 4 provincias galegas, que competirán en 25 probas diferentes. Cabe destacar o bo ambiente que se vive nesta clase de eventos, xa que os deportistas desta categoría contan cun obxectivo principal, gozar da práctica da natación ao tempo que compiten con rivais da súa mesma idade.
A organización corre a cargo do Club Natación Ponteareas xunto coa FEGAN e coa colaboración do Concello e diferentes negocios de hostalería e comercio da vila. Ao tratarse dun evento en 2 sesións, o club montará unha cantina no pavillón 1 para que os participantes poidan comer no pouco tempo que teñen para facelo. Así mesmo, aproveitarase para dar a coñecer Ponteareas entre os nadadores.
O evento foi presentado no salón de plenos da Casa do Concello coa presenza do alcalde, Salvador González Solla, o concelleiro de deportes, Alberto Novoa, a presidenta do Club Natación Ponteareas, Pilar Gallego, o director técnico, Andrés Carrera, o delegado Máster, Javier Vila e outros representantes dos nadadores e da Xunta Directiva do Club.