Premios e agasallos para festexar o Día das Persoas Usuarias na biblioteca municipal de Ponteareas

 

Celebrarase o vindeiro martes 11 de xaneiro con marcapáxinas para todas as persoas asistentes e con libros para os usuarios e usuarias con máis préstamos no ano 2021

 

A biblioteca pública municipal de Ponteareas celebra o vindeiro martes 11 de xaneiro o Día das Persoas Usuarias das Bibliotecas. Será unha xornada coa que render homenaxe a todas as persoas que desfrutan deste servizo e “fomentar a lectura entre toda a veciñanza. Convidamos a todas e todos os ponteareáns a que se acheguen á biblioteca e coñezan este lugar onde poden divertirse no seu tempo de lecer”, asegura o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

 

A partir das 18.30 horas a biblioteca recoñecerá aos e ás súas usuarias co nomeamento das persoas con máis préstamos no ano 2021 tanto na categoría infantil como na de adulto, ás que a concellaría agasallará cun lote de libros. Ademais tamén se entregarán marcapáxinas a todas e todos os asistentes.

 

A animación á lectura é unha das prioridades da biblioteca municipal, así como as actividades de extensión da biblioteca, de captación, de formación e, en definitiva, “de apertura ao público en xeral”. O edil salienta a importancia deste servizo aberto nun amplo horario e para todos os públicos, “un lugar no que atopar lectura e actividades culturais, pero tamén un espazo para o estudo e para ampliar a súa formación ou de encontro no que atopar persoas con inquedanzas semellantes”.