PREGÓN DO CORPUS 2019 DE SUSANA LAMELA

Señor Alcalde, membros da corporación municipal e veciñas e veciños de
Ponteareas. Para min é unha honra estar aquí hoxe como pregoeira das Festas do
Corpus. Máis que unha honra, é unha felicidade poder estar acompañada da miña
familia e de todas aquelas persoas que me seguen sempre en cada unha das miñas
aventuras. Sentirme así hoxe, tan querida, si que é un privilexio.


Homero, no seu poema Odisea, describe a Penélope, raíña de Ítaca, coma unha
muller valente que mentres esperaba a que Ulises volvese da guerra, desfacía de noite
o que tecía de día. Na nosa vila, ao contrario ca ela, afanámonos toda a noite en tecer
con flores as distintas rúas para desfacelas co transcorrer das horas.
Para min, como ponteareá esta festa das flores é unha explosión de sensacións.
Poderedes verme camiñando polas rúas buscando transportarme de xeito
irremediable a anaquiños da miña vida.


No percorrido das alfombras, un dos cheiros que máis destaca sobre todos é o
do fiúncho. En canto percibo o seu olor, non podo evitar lembrarme deses momentos
nos que a miña nai quería facer castañas cocidas e me pedía que baixase a coller un
pouco para meter na pota.
Baixar quería dicir ir ao eido a buscalo entre as diferentes herbas que crecían
de xeito salvaxe pero que servían para darlle sabor á nosa comida.
Seguindo no meu percorrido de sensacións, o cheiro das serraduras que se
empregan para reencher as figuras perfiladas con árnica, lévame ata a fábrica de
madeira que había en Santiago de Oliveira. O recendo a troncos fendidos en milleiros
de anaquiños polas serras, entraba polas fiestras da nosa casa nas calorosas tardes de
verán, mentres tentabamos botar a sesta ao ritmo do son das máquinas.
Como non tiñamos nin ordenadores nin tablets para facer xogos en liña, as
competicións facíanse en directo coas cocas de eucalipto. Lanzalas a ver cal delas
chegaba máis lonxe era toda unha proeza.


No meu camiñar non podo evitar fixarme nos pampullos. Con eles facía colares
de flores e adornaba o meu pescozo como se unha dama da alta sociedade puidese
chegar a parecerme. Combinados con outras flores convertían a creación nunha festa
multicolor.
Ao meu redor vexo dalias, pétalos de rosas, a flor da carqueixa… de seguro que
me deixo moitas atrás. As sensacións multiplícanse a cada paso que dou.
Como xa vos teredes dado conta, eu nacín na aldea. Nela, o que facíamos era
xogar coas cousas que atopábamos ao noso redor e merendar vendo Barrio Sésamo.
O día máis esperado da semana era o venres, non porque rematasen as clases,
senón porque estabamos agardando polo programa máis visto, o Un, dos, tres.
Neses tempos, as veigas estaban sementadas e os xardíns estaban cheos de
flores, que chegado o Corpus, contribuían ao fornecemento de pétalos para que as
rúas da vila ponteareá lucisen as mellores alfombras artesáns.
E iso pasaba, porque aos nosos avós lles ensinaron a botar patacas, a coidar da
viña, a sementar o millo, entre outros quefaceres. Os nosos avós, fixeron os mesmo
coa súa descendencia, e chegado o noso momento, as familias o que decidiron foi,
mandarnos estudar.
Foi unha gran decisión porque grazas a iso temos un bo presente, e agardo que
un mellor futuro, pero o campo quedou orfo e as veigas perderon os seus aloumiños.
Non podo evitar pensar en que Rosalía de Castro diría: “Galicia tes campos de
soidade”. E tería razón.
Antes escoitabamos o que nos tiñan que contar as persoas maiores, porque
tiñan tempo para explicar cousas da vida. Os saberes transmitíanse duns a outros, e
isto permitiu manter viva a nosa cultura e a nosa lingua incluso nos momentos máis
difíciles.
Hoxe en día, as présas, as obrigas profesionais, as novas formas de lecer diante
de dispositivos tecnolóxicos fan que a comunicación quede reducida cada vez a
menos tempo.
É por iso, que me gustaría agradecerlle ás persoas alfombristas, pero sobre
todo, ás mulleres que dedican o seu valioso tempo, apartando para outro momento os
recados, os quefaceres, o traballo, o descanso e o lecer para manter viva unha festa
coma a do Corpus.
Podedes ollalas, tarde tras tarde, desfollando flores que ocupan centos de
caixas. Falan entre elas, aconséllanse, deciden xuntas. Porque a base dunha sociedade
é iso, a comunicación entre as persoas. Na súa definición non hai cabida para o
individualismo. Tampouco debería haber cabida para o egoísmo e a maldade, pero ese
xa é outro tema.
Verédelas, tamén, deseñando os motivos que van levar cada unha das
alfombras e, á noite do Corpus, non descansan ata que non quede todo rematado e
listo para a procesión do día seguinte.
Pero non só iso, senón que lles ensinan aos máis pequenos como facelo. Como
manter unha tradición, como manter vivas as experiencias fermosas do pasado.
Como mestra, son moi consciente da importancia desta transmisión de
coñecementos e, sobre todo, de valores, que a sociedade non pode deixar só nas mans
da escola.
As familias e as institucións teñen que facer todo o posible porque as nosas
mozas e os nosos mozos crezan sans emocionalmente, con educación e cunha gran
bagaxe de coñecementos para que poidan ter o mellor futuro.
Do mesmo xeito, a Escola do Século XXI non pode ser só unha mera
transmisora de contidos que se poden acceder a eles cun dobre clic de rato.
Ensinarlle ao alumnado a pensar, a resolver problemas, a falar en público…
axudaranos a construír entre todos un futuro forte, con persoas capaces de tomar
decisións ante as dificultades, que de seguro van a darse de novo nalgún momento.
Temos que preparalos para un mundo tecnolóxico, que evoluciona con tanta
rapidez que pode ser que a profesión á que se vaian adicar nin sequera estea
inventada hoxe en día. Do mesmo xeito temos que tentar que unha tecnoloxía mal
entendida, provoque unha brecha de oportunidades educativas e profesionais.
Falando do mundo tecnolóxico, se tivese que comentar a nosa festa máis
internacional nas redes sociais, incluiría os seguintes #hashtag ou cancelos: traballo
en equipo, ilusión, emoción, creatividade e efémeras.
Incluiría #traballo en equipo, porque o Corpus é iso, é traballar xuntos. Moito
tempo antes do comezo da confección de cada unha das alfombras, centos de mentes
e de mans traballan de xeito coordinado, coma se fosen unha máquina de engrenaxes
ben ensambladas. É máis, traballar en equipo constrúe sentido de pertenza a un pobo.
Todos traballando para acadar o obxectivo común de ter rematadas as alfombras antes
de que o día esperte coa chegada da mañanciña.
Engadiría #ilusión, xa que non se pode poñer en marcha, ano tras ano, un
proxecto así se non hai ilusión por establecer un novo reto, un deseño diferente,
buscar un material innovador…
Agregaría #emoción, pois é o que senten as alfombristas e os alfombristas ao
ver o tecido de flores rematado. Tamén a que senten o resto de ponteareáns e os
visitantes ao día seguinte ao poder percorrer as diferentes rúas engalanadas cos
motivos florais.
Incorporaría #creatividade, posto que non se pode elaborar uns deseños tan
fermosos se non se ten unha sensibilidade especial para as creacións artísticas.
E por último, anotaría #efémeras, polo evidente. Tanto traballo e tanta
dedicación para que ao pouco todo desapareza e volva á normalidade. Ás veces,
gustaríanos poder parar o tempo e así gozar un pouco máis das sensacións dunha
noite máxica.
Non quixera rematar o pregón sen agradecerlle a Hortensia Bautista e ao seu
equipo da Concellería de Cultura, Lecer, Turismo e Normalización Lingüística o seu
traballo e a súa dedicación a prol do desenvolvemento e da promoción da nosa
cultura, convertendo así a Ponteareas nunha fraga na que calquera Lía pode atopar o
seu lugar.
Teño que dicir, que non é soamente a miña opinión, senón que fago de mera
transmisora do que me comentaron estes días as persoas que me fun atopando pola
rúa, e que, independentemente das súas ideas, valoran o avance cultural que vivimos
nos últimos anos.
Agora non podemos dar un paso atrás. A cultura si importa. A educación si
importa. Xuntas conforman os dous piares básicos para construír un pobo intelixente.
Tamén quixera agradecerlle a iniciativa de poñer en valor as persoas creadoras
de Ponteareas. Entendo que se puxo en marcha unha nova tendencia, na que se
promove o potencial que temos nesta terra, non só a nivel literario, senón tamén
musical, artístico, deportivo, do mundo da medicina, da investigación ou, por que
non, tamén hai que ter en conta a quen realiza boas accións pola vila só polo simple
pracer de axudar aos demais.
Antes de poñer final a este doce momento, só me queda dicirvos que non nos
queda outra, que temos que sentirnos orgullosos do noso.
E xa para rematar, quero darvos as grazas e desexarvos que teñades unhas boas
Festas do Corpus 2019.