Por vez primeira os centros educativos do rural contarán co servizo de aula matinal

A concellería de Ensino informa que está aberto o prazo de inscrición

A concellería de Ensino, que dirixe a tenente de alcalde Cristina Fernández, informa que xa está aberto o prazo para inscribirse na aula matinal dos centros educativos públicos tanto no ámbito urbano como no rural.

Por vez primeira os centros educativos do rural contarán co servizo de aula matinal para contribuir na mellora da conciliación laboral e familiar. Deste xeito as familias do CEIP Feliciano Barrera, do CEIP Santiago de Oliveira e do C.R.A A PICARAÑA: Areas, Moreira, Pías, Ribadetea, Parada e  Portela poderán realizar xa a inscrición.

Potenciar o desenvolvemento integral do alumnado tanto no aspecto lúdico como educativo e fomentar valores sociais tales como o compañeirismo, traballo en equipo, coidado do material, actitudes de respecto e tolerancia e dinamizar a través de actividades socioeducativas para incentivar a participación activa e o desenvolvemento de habilidades socias, actitudes cooperativas, democráticas e cívicas, son algúns dos obxectivos da aula matinal.

As familias interesadas poderán acceder ao formulario de inscrición, tanto para o rural como para o ámbito urbano a través da seguinte ligazón da páxina web do concello https://ponteareas.gal/servizos/ensino/aula-matinal/

Tamén poderán obter o formulario de inscrición no departamento de Ensino do concello ou nos centros escolares.

Unha vez cuberta a solicitude deberán entregala ou no rexistro do concello de Ponteareas ou a través da sede electrónica (trámites destacados/instancia xeral).

Con esta iniciativa o goberno de Ponteareas amplía os servizos ofrecidos á cidadanía e da un paso máis na equiparación de servizos ofrecidos á veciñanza das parroquias e do centro urbano.

Cristina Fernández insiste na importancia de apoiar ás parroquias xa que son a identidade dun xeito de vida propio de Galicia e moi representativo en Ponteareas.