Mañá martes arranca a III Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas no pavillón do complexo deportivo Álvaro Pino. A tenenta de alcalde e concelleira de Ensino, Eventos, Saúde e Consumo, Cristina Fernández, adianta que este ano o público en xeral poderá visitar a feira de 16 a 18:30 totalmente de balde na tarde de mañá martes.
Tra-lo éxito da anterior edición a Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas medra e ofrecerá un total de 29 stands de centros formativos que achegarán aos visitantes información sobre as modalidades que imparten e demostracións prácticas do traballo que realizan dentro do seu curriculum educativo.
Cristina Fernández lembra que esta feira naceu co obxectivo de amosar a toda a comunidade educativa a oferta de ensinanzas profesionais para que o alumnado poida coñecer de primeira man as materias que se imparten e o perfil profesional para o que se poden preparar. Unha vez máis o alumnado do CIFP A Granxa e voluntariado realizará visitas guiadas acompañando aos centros visitantes participantes.
“Non sempre é doado decidir como vas encamiñar a túa traxectoria de formación e por iso é imprescindible ofrecer a maior información posible e que vexan por si mesmos exemplos prácticos do froito deses estudos que poden cursar”, explica Cristina Fernández que tamén engade que é indispensable que o alumnado poida conversar cos estudantes e profesorado destas ensinanzas, da súa experiencia e da súa satisfacción.
Este ano a Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas abrirá o martes día 4 e o mércores día 5 e por ela pasarán máis dun milleiro alumnas e alumnos para poder tomar unha decisión o máis axeitada posible en relación aos seus estudos.
Por vez primeira o público en xeral tamén poderá visitar de balde os 29 stands o martes de 16 a 18:30 horas e participar nas demostracións en directo como a do módulo de panadería, a de caracterización de personaxes, a dos músicos dos conservatorios, as medioambientais ou da tirolina ou a de robótica.
Na III Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas poderemos atopar novidades como o stand da rama sociosanitaria e tamén o de Parasanitaria, o de xestión ambiental, stands de ensinanzas de electrónica, arte dramática, idiomas, soldadura, xoiería, moda, restauración, deportes, auxiliar de voo, ilustración, canteiría ou imaxe e son, entre outras moitas modalidades que os centros de ensinanzas profesionais ofertan.
O acto de inauguración será o martes día 4 ás 10:30 horas.