Por segundo ano consecutivo Ponteareas fai historia e estará no Hands of Science

Unha comisión formada por tres alumnas, dous profesores e a concelleira de Ensino, Cristina Fernández, representarán a Ponteareas no Hands os Science que se celebrará en Barcelona do 16 ao 20 de xullo, un feito histórico que coloca o nome da nosa cidade nun dos congresos científicos internacionais de máis prestixio.

Hands os Science promove o achegamento á ciencia a través da aprendizaxe activa na que todas as teorías poidan ser postas en prácticas para coñecer a utilidade e a accesibilidade aos métodos científicos. Coa intención de que nas aulas se poida realizar coas propias mans do alumnado experimentos científicos, Hands of Science acollerá unha serie de presentacións, conferencias, e exposicións nas que os participantes poidan intercambiar experiencias, problemáticas no ensino, boas prácticas e todas aquelas cuestións relacionadas coa Ensinanza das Ciencias.

A comitiva pontearéa participará con tres ponencias: o profesor do Pedra de Auga presentará o xogo educativo da súa creación “Once Torres”; o profesor do Val do Tea Cándido Fernández e as súas tres alumnas Aida Rodríguez, Ana Nogueira e Ana Presa presentarán un traballo de investigación que foi presentado no congreso de alumnado na pasada edición da semana das ciencias e outra da concelleira que fará un percorrido pola evolución da Semana das Ciencias durante estes anos e co convencemento de que este tipo de experiencias deben ser aplicadas en outras localidades do estado español e doutros países. 

Por segundo ano consecutivo Ponteareas estará neste congreso internacional no que participan estados de todo o mundo como Croacia, Francia, Italia, Japón, Polonia, Portugal, Rumanía…

HSCI´2018 Conference abarcará toda a variedade de temáticas relacionadas co Ensino das Ciencias: química, física, tecnoloxía, botánica, arqueoloxía, matemáticas, ciencias da saúde, informática, robótica, psicoloxía, socioloxía, bioloxía, xeografía, arquitectura, zooloxía…

As ponencias versarán sobre os novos retos da ciencia, a innovación científica, o papel da ciencia no ensino e na sociedade, métodos de ensino da ciencia, o acceso da muller á ciencia, a ética na investigación científica…

Cristina Fernández salienta a necesidade de seguir achegando o importante papel da ciencia á sociedade para pór en valor as súas aplicacións, para concienciar da importancia da investigación en todos os eidos e, sobre todo, para que a comunidade educativa traspase a barreira e vexa esta materia como algo máis accesible, menos duro e máis práctico.

A concellería de Ensino segue na súa aposta de traballar xunto con todos os membros da comunidade educativa (familias, alumnado, profesorado e traballadores do ensino) co obxectivo de mellorar a calidade educativa e promovendo sempre os nosos valores dándolle oportunidade de obter maior visibilidade e recoñecemento.