Os bos resultados acadados na liquidación das contas do Concello de 2017 permiten agora realizar novos investimentos por importe de 392.864 euros, o importe restante do remanente despois de destinar 820.566,65 ao saneamento das últimas partidas de débedas atrasadas e a cancelar o préstamo do Plan de Axuste aprobado en 2013 polo Partido Popular.
O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, destacou que estes resultados económicos extraordinarios acadáronse ao tempo que se atendían as débedas contraídas co Concello por parte dos anteriores gobernos, con proveedores, co ministerio de Facenda, cos bancos ou coa seguridade social.
Represas indicou que Ponteareas cumpre coa estabilidade orzamentaria e o equilibrio financeiro. “É necesario seguir nesta liña e manter a xestión do actual goberno para evitar o malgasto do diñeiro público e poder enfrontar a modernización e transformación de Ponteareas”.
Para destinar este resultado positivo a obras e inversións necesarias que non deben demorarse, o goberno de Ponteareas leva ao Pleno do vindeiro martes, 20 de novembro a aprobación das modificacións orzamentarias que permitan iniciar a contratación das carencias detectadas antes de rematar 2018.
O total destas obras que serán financiadas polos fondos existentes do primeiro remanente positivo da historia contemporánea de Ponteareas suma 392.864,14€ que permitirán melloras nos servizos e infraestruturas ofrecidas á veciñanza.
O goberno agarda acadar o apoio de todos os grupos para obras tan necesarias como a substitución parcial dos colectores de saneamento e pluviais así como unha nova capa de rodadura asfáltica na rúa Rosalía de Castro cun coste total de 116.422,91€; tamén para a ampliación dun vial no barrio da Igrexa en Arcos, de 33.193,00 euros nunha zona que impide o paso de ambulancias ou o camión de bombeiros e para a rehabilitacción da casa de autopsias do cemiterio municipal por 38.577,07€.
Asi mesmo, pedirá o apoio para a construción dun novo parque infantil en Xinzo, no entorno do Centro Cultural por 68.164,87€; para as obras de accesibilidade no auditorio municipal a partida destinada é de 16.467,42€; para a rehabilitación de parte do muro de contención no CEIP Fermín Bouza Brey, 3.845,99€ e para a construción dun almacén no campo de fútbol de Xinzo, o goberno propón reservar 26.192,88€.
Por último, o goberno traladará no pleno ordinario destinar 90.000 euros para licitar a adquisición dun tractor con desbrozadora de brazo lateral, tan necesario, pola antigüidade do actual e para contar con medios propios para garantir o desbroce a tempo das cunetas dos máis de 400 km de estradas municipais.
“Agora Ponteareas é un Concello serio no que se pode confiar”, afirmou Represas, engadindo que “grazas a xestión realizada, pagando con solvencia aos proveedores que traballan co Concello, tamén se deu unha maior estabilidade empresarial que permite manter o emprego porque saben que van a cobrar en prazo”
Para o Alcalde este é un claro exemplo de como unha boa xestión económica se traslada á mellora da calidade de vida de todos os veciños e veciñas que logo dun proceso de saneamento e aforro poden comezar a ver as consecuencias positivas deste esforzo. “En calquera economía que queira ser sustentable debe primeiro existir un aforro e unhas contas claras para poder comezar a invertir”
O concelleiro de Facenda, Francisco Alonso, indicou que o resultado acadado tamén lle permite ao Concello de Ponteareas cancelar o préstamo do Plan de axuste aprobado polo goberno do PP en 2013, saíndo así do citado plan que limitaba os investimentos e o crecemento de Ponteareas
Este é o resultado do traballo do equipo de goberno, que en só tres anos revertíu a situación económica do Concello, Alonso destacou o carácter “histórico” deste resultado, “é unha situación inédita, desde que se teñen datos, na etapa democrática, nunca antes se lograra un resultado positivo.