Máis de 300 riders procedentes de toda Galicia participaron esta fin de semana na segunda proba da Copa Galicia de Enduro celebrada en Ponteareas e organizada polo A.D. Picaraña en colaboración co Concello, na que o Pontebike Team ponteareá rematou como mellor equipo da competición.
A cita deportiva volvía tras un ano de ausencia por mor da pandemia e facíao con récord de participantes que mediron a súa pericia riba da bicicleta en trece categorías, dende cadetes a máster 60. Tras unha xornada de grandes éxitos, o Pontebike Team facíase co trofeo como mellor equipo.
Facíao tras catro tramos dun percorrido de 27 km cun desnivel positivo de arredor de 1.100 metros. Nas probas o corredor do Pontebike Team Héctor Quinteiro facíase co primeiro posto en cadete, mentres que Jorge Pérez remataba en terceira posición. Na categoría junior Marcos Estévez conseguía a segunda praza, mentres que Ismael Romero quedaba terceiro na sub-23.
Na categoría master 30 José María Romero conseguía a terceira posición nunha carreira moi disputada e Miguel Ángel Quinteiro quedaba no terceiro posto do podium na categoría de máis de 50.
O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, traslada os seus parabéns a todas e todos os corredores, que demostraron a súa axilidade e rapidez enriba da bicicleta baixando polos montes de Ponteareas.