‘Ponteareas Xoga!’ chega á vila do Tea este venres

Banastra, xunto coa concellaría de Promoción Económica do Concello de Ponteareas, organiza unha xornada de diversión para ás e os máis pequenos

Banastra, que aúna comerciantes, praza de abastos, servizos e hostaleiros de Ponteareas organiza, xunto ao Concello, “Ponteareas Xoga!”, unha tarde de actividades dirixida ao público infantil que terá lugar o vindeiro venres día 12 de agosto.

A partires das 17:00 horas, en diferentes puntos de Ponteareas dará comezo esta festa imprescindible para ás e os máis cativos da vila. A Praza Maior contará cun tobogán acuático dirixido a idades de entre 3 e 6 anos e unha pista de cars para nenos e nenas a partir de 6 anos. A Praza Bugallal acollerá un tobogán acuático polo que poderán deslizarse as nenas e nenos ata 12 anos, na rúa Arxentina haberá un inchable terrestre, e no Parque ‘Ponteareas Cidade’ as e os máis atrevidos poderán subirse a un touro mecánico.

As atraccións estarán en funcionamento ata as 20:00h, e media hora máis tarde, ‘Ponteareas Xoga’ rematará por todo o alto cunha festa da espuma na Praza Maior.

Banastra habilitará un stand da Asociación, situado na rúa Esperanza, para informar ao público sobre o funcionamento da actividade.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila convida aos pais e nais a que se acheguen cos seus fillos e fillas para gozar dunha xornada dedicada en exclusiva ao público infantil e que aproveiten para mercar no comercio local. Ademais, a rexedora quere agradecer a Banastra o seu esforzo pois “iniciativas coma esta dinamizan diferentes espazos e enchen de vida e de sorrisos a vila”.